As contas indivisas

Antón Riveiro Coello
Antón Riveiro Coello EL ESPOLÓN

OPINIÓN

H.Bilbao | EUROPAPRESS

17 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos tan afeitos ás visións catastróficas sobre a economía española que as expectativas de crecemento dos últimos meses superan os agoiros do Banco de España, da OCDE e doutros organismos europeos. O propio Goberno semella superado por eses datos que, se cadra, teñan a súa orixe na combinación de varios factores e no contraste coa realidade doutros veciños comunitarios. Aproveitar o discurso positivo da economía coido que debería ser o tema principal de cara ás vindeiras eleccións municipais. Se eu fose membro do Executivo convocaría toda a miña xente para falar da estabilidade laboral, das medidas de protección das rendas, da moderación da inflación, grazas ao control da enerxía, da reforma das pensións, da suba nos soldos e no salario mínimo interprofesional (SMI), mesmo da medra dos beneficios empresariais. Deixaría de lado o tema da cesta da compra ou as hipotecas, e centraríame nun cadro macroeconómico que garantise uns bos resultados electorais, mais ese discurso seguro que ha pasar a segundo plano e deixará o seu lugar para que o ocupen as loitas narcisistas dunha esquerda que intenta renovar unha e outra vez, máis que algúns matices ideolóxicos, as cabezas que a dirixen, e volveremos ao vello desánimo de miles de cidadáns que votarán por unha inercia comprometida, ou talvez ficarán na casa cun cansazo infinito porque saben que a unidade na esquerda é unha utopía, só ao alcance dunha dereita que, por moi dividida que pareza, sempre xunta as súas diferenzas para acceder a un poder que, desta vez, terá o premio dunha economía que non ten as contas furadas. Feijoo sábeo ben, e segue á espreita, desprezando enquisas e liortas innecesarias que poidan atrancarlle o acceso á Moncloa, aínda que vaia mal acompañado.