Ao Goberno gústanlle os cornos

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR DE GALAXIA

OPINIÓN

Juan Carlos Cárdenas | EFE

07 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Goberno de España lanzou un bono cultural para que a mocidade gaste en cultura. Está moi ben. Cando menos a priori está moi ben. Logo, xa rañamos un pouco e non está tan ben, porque o tal bono cultural inclúe os touros, xa saben, eses espectáculos onde se colle un mamífero sentinte, tortúraselle diante de centos de persoas, váiselle desangrando aos poucos, un tipo cun traxe ridículo o marea, e logo, diante de centos de persoas, repito, que están alí fumando os seus puros e dicindo ole, ole, ole, lle crava un espadón xigantesco que o mata. A xente, incomprensiblemente, aplaude. Logo temos que aturar iso de que somos un animal intelixente. E todo iso, pásmense, no mesmo lugar do mundo onde se aproba unha Lei de Benestar Animal que busca protexer a vida e a existencia digna de todos os animais cos que os humanos temos relación. No mesmo lugar do mundo onde se subvenciona a tauromaquia e se dan becas para que os neniños que queiran ser toureiros poidan aprender dende cativiños iso que chaman «arte». O mesmo lugar onde aos toureiros se lles chama «maestros». Non sei de que serán mestres. Para min os mestres teñen que ver con outra clase de valores.

O Goberno de España daralles a cada moza ou mozo 400 euros, o que está moi ben. Ou está moi ben a priori, repito, porque a norma permítelles a cada persoa beneficiaria gastarse 200, é dicir, a metade do bono, en espectáculos taurinos. Ou sexa, a metade do gasto cultural, a metade do apoio recibido por este Goberno a quen lle gustan os cornos e os rabos curtados, pode ser para ver os touros. Logo se tal xa o resto para libros ou discos ou cine. Non vaia ser que non estea a cousa suficientemente españolizada pois, no fin de contas, ao espectáculo bárbaro ese hai quen lle chama «la fiesta nacional».

A ministra voceira do Goberno sinalou que hai que fomentar hábitos positivos de ocio, polo que debemos entender que o feito de que dediquen o seu tempo de lecer, as rapazas e rapaces, a ver semellante animalada é comprendida como un «hábito positivo». E eu, que queren que lles diga, non acabo de verlle que pode haber de positivo en que un grupo de rapazas e rapaces queden unha tarde para ir xuntos aos touros. Se me din que van xuntos á biblioteca, ou ao cine, entenderían que están a facer unha actividade cultural. Se van aos touros, van ver e gozar un espectáculo sádico.

E non me falen de tradición. Porque as tradicións, cando son bárbaras, merecen ser extirpadas. Por civilización e, precisamente, por cultura.