Patrocinado porPatrocinado por

O retorno dos partidos agrarios

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

AGRICULTURA

SEM VAN DER WAL | EFE

28 mar 2023 . Actualizado a las 09:14 h.

Na política europea, Holanda vai por diante dende hai catro séculos. Alí desatáronse os conflitos relacionados coas identidades nacionais, as utopías relixiosas e os mercados, tamén as solucións da man da ideoloxía moderna, a política representativa e a economía de mercado. Ollar aos Países Baixos é unha garantía para identificar as tendencias históricas de máis longa duración. Alí acaba de trunfar electoralmente un movemento agrario e cidadán de recente creación, o BoerBurgerBeweging, que leva no nome a apelación aos labregos (boer) e aos cidadáns (burger). Nun parlamento tan representativo como o holandés —con tantos partidos diferentes—, ser o máis votado significa lograr o vinte por cen dos senadores nas últimas eleccións.

Interesa reparar no éxito dun partido recén creado e nas razóns do mesmo: a oposición ás medidas do goberno para reducir a contaminación da agricultura e a gandaría máis industrializadas de Europa, tamén o cansazo dos agricultores por seren presentados como os principais responsables da contaminación do territorio. Asumir os retos do quecemento global implica cambios radicais que esixen medidas drásticas na forma de producir que non se están a tomar. Sabemos que levamos décadas de retraso e que xa estamos empezando a notar efectos do quecemento global previstos para dentro de trinta anos. Sabemos que imos na dirección contraria á que deberamos, vémolo a diario nos telexornais e os nenos estúdano nas escolas dende hai tempo. Nin por iso parece que esteamos preparados para mudar de modo de vida: queremos combustibles e alimentos baratos que veñan de onde faga falta no mundo.

Hai dúas xeracións inauguramos un modo de vida consumista que nalgúns países está aínda comezando. O choque entre ese ideal de vida e a realidade da emerxencia ambiental planetaria vai xerar intensos conflitos. O quecemento global é unha verdade incontrovertible, consecuencia da forma de producir dende hai dous séculos e medio. Nos últimos cincuenta anos, en vez de paliarse, desenvolveuse por todo o planeta de forma cada vez máis intensa. Xusto cando soubemos dos seus límites, cando científicos experimentais e sociaos comezaron a indagar sobre como evitalo.

As medidas para frear a crise ecolóxica na agricultura son ben coñecidas no ámbito académico da historia agraria, a ecoloxía, a economía ou a enxeñería. A agroecoloxía é a disciplina que dende hai décadas traballa para lograr un cambio agrario que reintegre as producións agro-gandeiras e silvícolas nas lóxicas orgánicas, superando as formas tradicionais de produción industrial intensivamente contaminantes.

Saber que facer non significa que dende Bruxelas ou Santiago sexan quen de saber como facelo. As medidas agrarias ditadas nun gabinete por catro expertos nunca funcionaron sen ter en conta aos labregos, mesmo cando os cremos desaparecidos. É cuestión de identidade, mercado e democracia, descobren os resultados electorais de Holanda. Adoptar medidas que paren o quecemento global sen mancar a democracia vai requirir moita intelixencia política e social.