A familia ten a autoridade

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

CESAR QUIAN

27 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado mes celebrouse en Santiago a Conferencia Mundial da Educación co lema A Educación e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Horizonte 2030. Unha parte importante do manifesto final está dedicada á familia, a quen corresponde o papel esencial no desenvolvemento das persoas e dos pobos, debendo proporcionar un ambiente de confianza, seguridade e acougo, que sirva de contrapunto ás tensións da sociedade actual. A realidade, non obstante, é moi diferente, pois no fogar non se está a fomentar este entorno e cada día hai máis individualismo, tensión e mesmo violencia.

 Os fillos téñense convertido nas autoridades da casa e os pais adoptan unha postura de submisión e entrega que provoca os efectos contrarios aos buscados. Para evitar que os pequenos sufran ou se traumaticen, por medo a perder o seu cariño ou, o que é peor, para que non estorben, prescíndese de educar e de exercer a autoridade, imprescindible no fomento da tolerancia ás frustracións e no proceso da normal maduración da persoa. Esta permisividade, xunto cunha visión hedonista da vida, impide inculcar valores que nin son carcas nin pertencen a unha ideoloxía determinada. Honradez, honestidade ou responsabilidade débense esixir e practicar na casa, a pesares de que a situación social e mesmo política estea a remar en contra.

Pero a familia necesita tamén comunicación estreita e formativa; hai que falar e escoitar moito, aproveitar momentos como as comidas ou os descansos para preocuparse das vivencias e pensamentos dos fillos. As tecnoloxías están a impedir esta esencial proximidade e cada un vai ao seu; un coa televisión, outro cos videoxogos, outro co móbil. Sábese máis do artista de moda que dos verdadeiros problemas do rapaz, que acaba por asimilar a educación da rede, coas consecuencias infalibles: apatía e dependencia, ego esaxerado, agresividade e desconsideración... É dicir, mala educación.

Certo que a familia non o ten fácil hoxe, que a coordinación de traballo e fogar é moi complexa ou que a presión doutras instancias fai difícil educar. Aínda así, hai que aproveitar polo menos o tempo dispoñible para se dedicar aos fillos, eclipsando o máis posible eses elementos nocivos e loitando contra o gregarismo e manipulación reinantes. A súa educación en valores non pode ser delegada en internet, na sociedade ou na escola, pois é responsabilidade exclusiva dos proxenitores. E para poder levala a cabo é imprescindible, ademais do acougo e comunicación no fogar, a autoridade non confundida con autoritarismo, que é a desculpa que se pon para non levala á práctica.