Había unha vez un circo

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

25 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai vintecinco anos pregunteille a Sánchez Salorio como ía co golf, e respondeume: «Cada día peor. Pero hai que seguir xogando... e sufrindo. O golf éche unha metáfora case perfecta da vida. Non é unha cuestión de hixiene ou de saúde, ou de manterse en forma. Compítese para gañarlle a quen lle amole perder. Por iso eu xogo cos amigos-inimigos de sempre: os que sei que gozan cando me gañan e sofren cando lles gaño».

Recordei esta resposta cando me puxen a ver a moción de censura e pensei que o golf, tal como o entendía Salorio, é a metáfora perfecta do debate parlamentario. E ocorréuseme que sería divertido velo con el porque en cada intervención faría observacións enxeñosas. Gran tipo Manolo Salorio, sempre tranquilo, positivo, cordialísimo e con bo humor porque estaba no secreto da arte de vivir. Deixounos con 93 anos e as ideas clarísimas, as mesmas no esencial ao longo da súa vida. Non como Tamames, a quen iso que os psicólogos chaman «mente oculta ou inconsciente» —a que conserva a memoria das vivencias e arelas máis sentidas— faille menosprezar a Blas Piñar por ultra; pero a memoria superficial, condicionada polas lecturas dos mal chamados «historiadores revisionistas» e as conversas con amigos como Sanchez Dragó, fan que non se entere do que é Vox e o que representa. Alguén me dixera que Tamames daría na súa intervención unha lección maxistral de dialéctica parlamentaria, pero cando o oín falarlle a Pedro Sánchez do Goberno Frankenstein souben que non sería así. E non foi. Limitouse a repetir as acusacións da dereita ao Goberno e non achegou nin unha idea orixinal. Esta moción de censura non dará chisco de lustre á biografía de Tamames e os seus haxiógrafos comentarana en letra miúda e gardarana no recuncho máis escuro do arquivo persoal, xunto co informe que fixera en 1993 para a Corporación de Industrias Farmacéuticas, no que as describía como ONG e polo que cobrara unha pasta gansa.

Entón, para que serviu a moción de censura? Para que Sánchez demostrase, unha vez máis, que coñece a agulla de marear e aproveitase o debate para explicar como sería un Goberno do PP con Vox, desexado —aínda que non o recoñeza publicamente— pola gran maioría da dereita. E para comprobar que Yolanda Díaz mellora cada día e puido afear a Tamames que lamentara a subida do salario mínimo «porque España no da para eso» e cualificara a inversión de 2.500 millóns de euros en becas como «una mera compra de votos». O propio candidato valorou a resposta da ministra como «interesante».

Tamén valeu para gastar, polas miñas contas, 300.000 euros nunha pallasada de Vox. Todo por la patria.