Marchei uns días a Londres e aproveitei para ir ver Hamilton, un musical de tres horas que logo de triunfar en Broadway agora rula por todo o mundo. A obra conta a historia de Alexander Hamilton, un dos pais dos Estados Unidos, que fixo polo tanto a revolución e guerra de independencia con George Washington e que ocupou a carteira do Tesouro no Goberno americano. Morreu, coma un dos seus fillos, nun duelo deses para limpar a honra contra un inimigo político, Aaron Burr.
O fascinante é que a obra se representa en Londres e fala dun home que liberou o seu país do colonizador, ou sexa, da propia Inglaterra. O rei George III, inglés, é representado na obra coma un tío parvo, medio louco e bastante lamentable. Os heroes, vitoreados pola audiencia, son os que se rebelan contra os ingleses. A reacción do público británico é empatizar cos independentistas e gozar da sátira á que se somete ao seu propio rei.
Pregunteime, logo da obra: triunfaría en España un musical protagonizado por, por exemplo, Simón Bolívar, ou calquera líder sudamericano, e no que as tropas rebeldes se erguen contra a España imperial e a derrotan? Estou certo de que non. Son quen de maxinar a polémica. Á ultradereita poñendo denuncias na Audiencia Nacional. Algo así xa pasou cando nun acto nun país latinoamericano saíu á espada de Bolívar, precisamente, e o rei de España foi o único que non se ergueu en sinal de respecto. Moita xente aplaudiu ao monarca porque entendían que iso era humillante. Persoas con morriña daqueles tempos nos que nos reinos de España non se puña o sol.
O asunto ten moito que ver con entender a propia historia e, sobre todo, co asunto da democracia. Que sempre ten que ver con aceptar os dereitos á liberdade dos pobos, incluso dos que nun tempo foron «nosos».
En Inglaterra téñeno tan claro que, na praza que está diante do Parlamento, e do Big Ben, e de Wetminster, hai unha serie de grandes estatuas, colosais no seu tamaño, dedicados aos grandes políticos da Historia. Están moitos británicos, claro. Sobre todo, sobrancea Churchill. Máis, dende hai uns anos, en pé de igualdade, está unha igual de grande do Mahatma Gandhi, precisamente o responsable, coma Hamilton en América, da independencia da India e Pakistán, parte do Imperio Británico. Non teñen problema en homenaxealos. Porque cren na liberdade e na democracia para todos os pobos do mundo.
Xa podiamos aprender.