Poeta de Compostela

Víctor F. Freixanes
Víctor F. FREIXANES VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

De esquerda a dereita, Bodaño, Casares, López Casanova e Torres.
De esquerda a dereita, Bodaño, Casares, López Casanova e Torres.

12 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Vanse os irmáns maiores, aqueles que ían abrindo o rego diante de nós e que, en certa maneira, nos guiaban co seu entusiasmo e o seu exemplo, mesmo en tempos ben atravesados. Bastante máis atravesados ca os que nos tocaron aos que viñemos detrás, como nas familias, que os primeiros van de guieiros para os segundos e terceiros. Salvador era un destes. Coñecémolo na súa casa da Caldeirería, en Santiago, nos tempos do PSG (Partido Socialista Galego) e no asociacionismo cultural de O Galo, xunto con outras iniciativas. O asociacionismo cultural foi un dos movementos transversais máis activos do galeguismo na década dos 60 e nos anos 70 do século pasado, sementeira de varias xeracións. Alí estaba Salvador. 

Eu sempre cito unha fotografía do ano 1963, na celebración do primeiro Día das Letras Galegas, no salón Fonseca da Universidade de Santiago, que consistiu nunha conferencia do profesor Ricardo Carballo Calero sobre Rosalía de Castro e unha lectura de catro poetas mozos: Xohana Torres, Carlos Casares, Arcadio López Casanova e Salvador García-Bodaño. Dos cinco, incluído don Ricardo, só nos quedaba Salvador, que marchou estes días. Segundo el mesmo lembraba, logo do acto cultural organizouse unha procesión cívica dende Fonseca deica a estatua de Rosalía na Ferradura, homenaxe a autora á que se dedicaba a primeira edición das Letras.

Coñecino despois na revista Teima, e no PSG, repito. O PSG de Beiras, Mario Orjales, Cesáreo Seco, Rodríguez Pardo, Manuel Caamaño..., onde, por certo, tamén militaba Fernández del Riego. E nas noites de faladoiros composteláns na casa de Luis Mariño, un dos editores máis intelixentes e con máis sensibilidade que deu o país naquelas datas, a quen debemos unha magnífica edición de Tempo de Compostela en Edicións do Cerne (1979).

Salvador García-Bodaño foi sen dúbida o gran poeta de Compostela. Aínda que naceu no barrio de Teis, en Vigo, e nunca renunciou ás súas orixes viguesas, o seu universo, o seu mundo emocional e literario, a súa paisaxe íntima e creativa é Compostela. Os amigos, os amores, as primeiras descubertas, as experiencias que marcan, as palabras que constrúen e explican o mundo enraízan e dan froito en Compostela. Así o recoñeceu a cidade, que o tivo sempre e o segue a ter como o seu grande e primeiro poeta. «Compostela é unha rúa longa na memoria —escribe— onde vagan os homes e as horas que cada quen recorda». Moitos escritores, artistas e poetas ficaron seducidos por Compostela: Otero Pedrayo, Valle-Inclán, García Lorca, Luis Seoane, Torrente Ballester, Gerardo Diego, Bouza Brey, Luz Pozo Garza, Uxío Novoneyra, a propia Rosalía…, máis ningún, na miña opinión, con tanta entrega, con tanta dedicación e exclusividade como Salvador García-Bodaño, a quen despedimos, pero que non esqueceremos, coma non se esquece a pegada luminosa dos irmáns.