O acento, en galego

Francisco Castro
Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR DE GALAXIA

OPINIÓN

07 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días, a Real Academia Española «despenalizou» o til no adverbio «sólo». Seica agora queda ao criterio do escribinte porque se considera que pode xerar confusión, pois pode non usalo. A RAE, pois, cambiou unha norma. E non só iso: de toda a vida, introducen palabras novas (algunhas non as di ninguén) e cambian criterios, permitindo que palabras que ían separadas agora vaian xuntas, ou ao revés. De feito, nos medios falouse só dese adverbio pero tamén está autorizado, dende agora mesmo, que certos demostrativos (éste, ése e aquél), tamén os leven. Toda unha revolución.

O asunto é que todas as reais academias fan así. O seu traballo consiste en fixar a lingua, elaborar un estándar que sexa tomado como correcto. E cando a RAE o fai, pois non pasa nada. Mais, que acontece, na propia Galicia, cando a Real Academia Galega anuncia algunha clase de modificación? Pois que ao medio segundo arden as redes, e os bares, e a rúa, chea de xente, galega, dicindo que o galego non o poden falar porque o cambian todos os días, que iso é un invento dos filólogos, que o verdadeiro galego era o que falaban os seus avós na aldea e non esa cousa que sae na TVG que nin é galego nin é nada, que é normal que a xente deixe de falar galego se o están a mudar e inventar cada catro días.

E o certo é que iso non é así. A última modificación seria e global feita pola RAG foi no 2003, é dicir, hai vinte anos, ou sexa, hai dúas décadas, é dicir, hai case un cuarto de século. Hai que dicilo así para que se entenda ben do que falamos. E antes, só se fixeran reformas na norma en 1995 e antes en 1982. Sen embargo, este feito innegable (que o galego é unha lingua fixada normativamente e que non cambia dende hai polo menos 20 anos) seica non lle chega a unha cantidade enorme de galegos que seguen argumentando (é un falar) para rexeitar a lingua propia de Galicia, o asunto dos «cambios constantes» dunha norma que, como dicimos, permanece inamovible dende hai un mundo de tempo.

Ninguén argumenta que o castelán están «inventándoo» cada dous por tres, ou que o verdadeiro «español» é o que falan catro señoras que fan macramé nunha aldea perdida de Valladolid e non esa cousa rara que falan en TVE e que os meus avós, por suposto, nin falaban nin entenderían.

Agora que un adverbio en castelán recupera o til (xa podo durmir tranquilo, que alivio), sigamos loitando contra o auto-noxo que moitas galegas e galegos sinten pola lingua de seu. Con til ou sen ela.