Información, ruído, opinión pública

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Eduardo Parra | EUROPAPRESS

05 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Consello da Cultura Galega convídanos a falar sobre a posverdade. Profesionais e teóricos da comunicación reúnense para tratar unha das cuestións máis determinantes do noso tempo: sociedades instaladas na vertixe da información que as máis das veces é ruído (ruído interesado) que condiciona o desenvolvemento da vida democrática. Segundo o dicionario da RAG, posverdade é o «conxunto de feitos ou afirmacións sen fundamento obxectivo que conectan coa emotividade do receptor e que, propagados de forma repetitiva para influír na opinión pública, son tidos como verdadeiros». Noutras palabras: conxunto de trolas, mentiras, medias verdades, infúndeos, cando non calumnias, que difundidas masivamente conforman (ou deforman) o estado de opinión da cidadanía.

Infúndeos e calumnias houbo sempre. Os manipuladores da información veñen de vello. As grandes empresas da comunicación, que actúan ás veces como monopolios, non son inocentes. Mais as novas tecnoloxías amosan un novo desafío. O mundo non ten fronteiras. O que comunmente denominamos «redes sociais», multiplica as posibilidades de emitir e recibir mensaxes ata límites nunca imaxinados. E son mensaxes de todo tipo. Era unha reivindicación democrática, e ségueo sendo, fronte os oligopolios dominantes. Pero o que inicialmente era unha vía de liberdade o seu uso indiscriminado produciu o que podemos denominar «efecto bomba de racimo», explosión incontrolada que se propaga en todas direccións sen que ninguén se responsabilice dos seus efectos.

No mundo da política, que se constrúe sobre opinións sociais, o efecto pode ser demoledor. Conste que falo da posverdade, non das «redes sociais» que en moitos casos serven para romper silencios, denunciar privilexios, tirar a venda dos ollos da cidadanía amansada. Unha contradición do noso tempo, en definitiva. Por unha banda, vía de liberación. Por outra, confusión e ruído. E falo das sociedades democráticas. Nas sociedades totalitarias a fórmula está clara: control, represión e censura. Mais a cuestión de fondo non debemos ignorala. Cantas guerras, conflitos, desencontros graves entre as nacións (igual que entre as familias e as persoas) non naceron da calumnia e a mentira? A guerra de Cuba no 98, por exemplo, xustificada polo afundimento do acoirazado Maine. A xenreira contra os xudeus na Europa do pasado século (e antes). As armas de destrución masiva no conflito de Iraq... Que despois se comprobase que nada era certo, que os intereses que movían a máquina eran espurios, mentiras interesadas, non resolve o afecto causado.

A saúde democrática pasa pola liberdade, mais tamén pola responsabilidade dos que a exercen, sexan empresas, institucións ou individuos. E pola construción de espazos éticos, tribunais competentes (internacionais), códigos deontolóxicos que cómpre reivindicar.