O turista que visita o Parque Minero de Almadén, en Ciudad Real, declarado Patrimonio da Humanidade en 2012, nove anos despois de cesar a actividade industrial, sae coa sensación de ter vivido unha aventura. Baixar ao interior nunha gaiola e ver os pozos e as instalacións para a obtención do mineral nas minas de mercurio máis antigas do mundo resulta, como di a publicidade, excitante. Sobre todo para quen coñece o horror que naquelas galerías infernais viviron os mineiros, escravos e libres, desde o século XVI. Aínda en 1906, unha comisión de enxeñeiros de Minas pediu ao Ministerio de Facenda medidas de seguridade e hixienización, e non tivo resposta. O Estado e a empresa entendían as enfermidades e mortes como efectos colaterais da actividade mineira.
Eran tempos do capitalismo salvaxe, claro. Hoxe é distinto e na minaría española houbo 17 mortos en 2005 e 4 en 2021; 56 accidentes graves en 2006 e 7 en 2021. Todo vai a mellor e o capitalismo podería ser cualificado de venturoso se no segundo e terceiro mundo as máis das minas non fosen trampas mortais e os traballadores para empresas europeas e americanas non estivesen nun réxime laboral que Eduardo Galeano chamou «de escravitude asalariada». Hai 25 anos, o empresario arxentino Enrique Pescarmona xustificábase: «Yo no hago filosofía, sino negocios; no me pregunto lo que está bien y lo que está mal, sino cómo se hace para ser más competitivo». E daba datos: «Los asiáticos trabajan veinte horas al día por ochenta dólares al mes. Si quiero competir tengo que recurrir a ellos. Las chicas filipinas que trabajan en nuestras oficinas de Hong Kong están siempre dispuestas, no hay sábados ni domingos; si hay licitaciones y se tienen que quedar varios días sin dormir, lo hacen y no cobran horas extras ni piden nunca nada».
Non ten volta; o capitalismo é tan inhumano coma o comunismo, e só desde a ignorancia ou o cinismo poden identificarse o capitalismo co humanismo cristián, e o comunismo coa barbarie. Des que Carrillo, Marchais e Berlinguer argallaron o eurocomunismo, o marxismo quedou soterrado e ningún membro do PCE volveu falar da ditadura do proletariado, nin de expropiar os medios de produción aos empresarios. Os meus amigos comunistas foron e son defensores da democracia, pola que loitaron máis que ninguén. Como Rafael Pillado, exemplo de autenticidade, coherencia e honestidade, morto o pasado luns cos pulmóns roídos polo amianto. Despois de 66 anos de amizade, teño a sensación de que lle quedo a deber algo. E seguramente así é.