Galicia país

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Denis E. F.

25 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando revisitamos os lugares da infancia parécennos máis pequenos do que gardabamos na memoria. Con Galicia acontece o contrario: canto máis a camiñamos máis grande parece. Desde a cornixa marítima, entre o Eo e o Miño, e o conxunto de cidades e vilas até a Gran Galicia interior de campos, auga e lugares perdidos, é inabarcable.

Dicimos Galicia e falamos dunha comunidade autónoma, dunha terra, dunha nacionalidade, dunha rexión europea, mesmo dunha nación para algúns; depende da posición de cadaquén e das circunstancias políticas e socioeconómicas do momento. O que chamamos identidade resolvíase invocando a lingua e o territorio, a historia, ora a épica salientada ou a vil esvaecida, xunto coa relixión, a emigración, as festas, a gastronomía e tamén o trasacordo, a retranca. Algunhas razóns e moitas emocións.

En Galicia conviven sen especial tensión o tradicional e o contemporáneo. O noso espazo vital dirímese acotío na porfía entre os intereses e o compromiso, como unha cuestión de afinidades, de dialéctica entre estamentos sociais e económicos. Un país cunha lingua pola que se leva feito tanto, que nunca se falou e escribiu tan ben coma hoxe, pero que decidimos usala cada día menos. Unha terra decente que aínda coida os vellos pero onde os mozos non albiscan un porvir e que, por veces, adopta sen complexos esa imaxe traxicómica que oscila entre a publicidade autocompracente e as series adobadas con drogas, crimes e desgrazas.

Penso que un país, para selo, debe ter un afán suficientemente compartido pola poboación, mirando ao porvir en lugar de permanecer inmóbil ou acomodado no que cremos que somos. Vén sendo, dalgún xeito, estar a gusto co país e ao mesmo tempo manter certo desacordo para provocar a idea de progreso e repartir os esforzos e os medios necesarios en proporción ás desigualdades.

A primeira modernidade despois do franquismo veu da man da autonomía, distribuidora de recursos e benestar. Despois de catro décadas cumpridas, necesítase un segundo impulso que poña o foco no coidado do territorio e conteña a ambición ilimitada, que potencie máis a responsabilidade có agravio, un anhelo de aire e auga para mañá sen hipotecas por sesenta anos como, parece ser, na ría de Pontevedra. Un país capaz de conxuntar a realidade urbana coa cultura campesiña aínda activa, que fale máis de xeografía ca de paisaxe, de porvir ca de memoria, de goberno das cidades ca de competencias autonómicas, dun iberismo con Portugal para integrarse nunha futura Europa federal.