Demagoxia socialista

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

04 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Un amigo, simpatizante de Vox, envioume un deses vídeos nos que novos Xeremías auguran a debacle da economía española pola absoluta incapacidade do goberno Frankenstein, empeñado ademais —e aquí si con pleno éxito— en poñer fin á existencia histórica da España nación. Eu vira na rede o discurso de Patxi López, portavoz do PSOE, na comparecencia do presidente do Goberno para informar do Consello Europeo e das medidas para afrontar as consecuencias da guerra en Ucraína, e largueillo cun breve texto que dicía: «Vaino roendo». El respondeume con outro igualmente lacónico: «Pura demagoxia».

Home, a demagoxia rara vez falta nos discursos dos políticos e pode habela nos ferretes e chanzas que Patxi López lanzou á oposición, e en comparar as actuacións de Rajoy e Sánchez por seren as súas circunstancias diferentes; pero despois que os xeremíacos quedasen roucos e esgallasen as plumas repetindo que a xestión do goberno Frankenstein se resume en paro, débeda, déficit, malgasto, sufrimento para os cidadáns e ruína para a economía produtiva, fixo moi ben Patxi López en soltar unha fervenza de datos que son verdades absolutas e polo tanto irrefutábeis, incuestionábeis, irrebatíbeis e impepinábeis. E ademais, ao facelo, deixou claro que capas sociais son de interese prioritario para o PP e cales para o PSOE. Porque as prestacións por desemprego pódense recortar como fixo o Goberno do PP, en 2012, motivando aquel emocionado e irreprimible «¡que se jodan!» dunha das súas deputadas; ou aumentalas coma o goberno Frankenstein en 2022 para que 300.000 parados cobren cen euros máis cada mes. As pensións de xubilación subiron 24 euros ao ano co Goberno de Rajoy —Pedro Sánchez dixo que gastaron máis en enviar as cartas aos xubilados que no aumento— e case 1.500 co actual. O salario mínimo medrou con Rajoy 94,5 euros en sete anos, e 264 —agora xa 350— en catro, con Sánchez. E como eses moitos máis, que a Cuca Gamarra o bolígrafo lle botaba fume; pero entre tanto dato houbo un que me conmoveu: por primeira vez en trece anos entraron cartos no peto das pensións: 2.957 millóns exactamente.

A Pedro Sánchez pódenselle reprochar as amizades perigosas e as actuacións temerarias para desactivar o independentismo en Catalunya —a iso Patxi López chamoulle «facer política»—, pero negar eses pequenos éxitos do seu Goberno na xestión económica, e acusar o PSOE de estar nunha confabulación para esnaquizar o Estado español, é pura demagoxia e unha proba máis de que en política todo o ano é Entroido.