Dani Alves e Manuel Pahiño

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR DE GALAXIA

OPINIÓN

CEDIDA: FAMILIA FERNÁNDEZ GOBERNA

01 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días conmemorouse o centenario do nacemento do xogador do Celta, Deportivo, Real Madrid e Granada, entre outros, o vigués Manuel Fernández Fernández, Pahiño. Finou en 2012 e lémbrome hoxe deste futbolista no intre no que outro futbolista, Dani Alves, ocupa todas as portadas e faladoiros. Pahiño, que foi o 9 do Madrid ata que chegou un tal Di Stéfano, foi un dos máximos goleadores españois de todos os tempos, mais, malia isto, só foi chamado á selección española en tres ocasións. Naquel franquismo de NO-DO e miseria non lle perdoaban o seu compromiso coa esquerda e, como dixo o xornal Arriba, voceiro da Falanxe e no fin de contas do réxime fascista de Franco: «Qué se puede esperar de un futbolista que lee a Tólstoi y a Dostoievsky». Claro, lía a rusos e, polo tanto, era comunista. O que o xornal orgánico non sabía era que tamén lía a Hemingway. E a Ramón Cabanillas.

Foran a polo seu pai ata dúas veces, no 36, para fusilalo. O pequeno Manuel lembrou sempre aquelas épocas de medo negro. «Vanme matar ao pai. Por comunista». Dúas veces escapou das gadoupas daqueles patriotas que non teñen problema en fusilar a todos os compatriotas que pensen diferente. Pahiño nunca esqueceu de onde viña e a quen pertencía o seu corazón, por iso, cando no descanso dun España-Suíza celebrado en 1948, e no que xogaba, un xeneral, un tal Gómez Gamalloa, baixou ao vestiario para arengar aos xogadores españois pedíndolles, berrando, poñéndose firme, «cojones y españolía», a Pahiño deulle por rir e claro, ao xeneral aquela burla gustoulle pouco e rematou a presenza do futbolista de Vigo na selección malia ser o gran goleador español. Aí comezaron os ataques de Arriba. Esa era a España da época.

Os futbolistas hoxe están na prensa por outras cousas. Polo seu novo corte de pelo. Polas tatuaxes. Polas súas mozas modelos. Porque as súas ex lles dedican cancións. Ou porque son metidos en chirona como presuntos violadores. Custa maxinalos lendo, a verdade. Haberá algún que o faga, pero non destacan a priori por iso.

Son, agora, novos reis mediáticos do banal, o superficial. E non falan de política, como si Pahiño. Nada dixeron de celebrar o mundial en Catar. Non abriron a boca ao saber que un compañeiro iraniano podía ser aforcado por protestar contra dunha ditadura salvaxe. Tanto lles ten xogar a Supercopa en Arabia Saudí onde se aforca homosexuais. No caso concreto de Dani Alves, ademáis, é un firme defensor de Bolsonaro.

Están a anos luz de Pahiño. Aínda que metan máis goles.