A nosa primeira académica

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

MIGUEL VILLAR

22 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre as varias conmemoracións que a cultura galega celebra neste ano 2023 non deberiamos esquecer a figura da documentalista e arquiveira Olga Gallego Domínguez (Ourense, 1923-2010), a primeira muller que ingresou na Real Academia Galega (1986). Con anterioridade a corporación elixira a Francisca Herrera Garrido (A Coruña, 1869-1950), mais non chegou ingresar como tal, faleceu antes de ler o discurso, aínda que a RAG lle dedicou o Día das Letras Galegas en 1987.

Van cen anos dende o nacemento de Olga Gallego, igual que se fan 110 do nacemento de Francisco Fernández del Riego, e xa postos nos números redondos: 60 anos da celebración da festa das Letras Galegas, e outrosí da Fundación Penzol en Vigo, do primeiro número da saída periódica da revista Grial, da aparición de Edicións Castrelos, a creación do Laboratorio de Formas de Galicia e Ediciós do Castro, que significaba o progresivo retorno dos exiliados de Bos Aires, 50 anos da celebración das primeiras Xornadas de Cine Galego de Ourense, 40 anos da Lei de Normalización Lingüística… Por celebracións ou lembranzas que non quede. Sobre a Lei de Normalización deberiamos volver noutra ocasión.

Mais a referencia a Olga Gallego é de xustiza, exemplo de dedicación e xenerosidade. Continuadora do labor doutro académico ilustre, Xesús Ferro Couselo, coa súa orientación, gratis et amore, organizáronse algúns dos grandes fondos documentais da cultura galega, entre outros os da Fundación Penzol, neste caso coa colaboración do tamén arquiveiro Pedro López, e mais o riquísimo fondo dos arquivos ourensáns, aos que dedicou grande parte da súa vida. O seu discurso de ingreso na RAG, As barcas e as barcaxes da provincia de Ourense no Antigo Réxime, accesible na rede, é un exemplo de sabiduría: unha viaxe polo mundo das comunicacións fluviais e o desenvolvemento dos establecementos de poboación a carón dos nosos ríos. Moita admiración lle tiña don Ramón Otero Pedrayo.