En democracia pode falarse de todo

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

MARISCAL | EFE

18 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai quen se amolou moito, e berrou e clamou aos ceos, polas declaracións da nova maxistrada do Tribunal Constitucional, María Luísa Segoviano, cando dixo que o da autodeterminación de Cataluña «es algo complejo que hay que estudiar». De súpeto e logo de soltar esa obviedade, que hai que estudar os temas políticos complexos que poden chocar coa Constitución española, moitos pensaron, por unha banda, «trabucámonos deixando que esta entrase aquí» e, por outra, que comezaba a apocalipse, a fin do mundo, o desastre planetario global.

O asunto, como digo, é obvio: España ten problemas políticos graves, enquistados nos séculos, que non se poden resolver aplicando o artigo 155 ou metendo á xente en prisión por poñer urnas nun referendo que incluso eles mesmos sabían que non ía ter valor legal. Moito menos, por suposto, mandando ás forzas policiais a repartir piñas. En democracia, as cousas fálanse, discútense e, sobre todo, consensúanse. A democracia vai diso. Non é o respecto á opinión da maioría (a maioría pode querer calquera parvada, dende a discriminación racial a declarar unha guerra) senón, como Stuart Mill e outros clásicos pensadores británicos liberais (para nada esquerdosos) explicaron cando o parlamentarismo comezaba (precisamente nas illas Británicas), o respecto ás minorías. Sempre e cando esas minorías se movan dentro duns parámetros, precisamente, democráticos. E o problema que hai en España, entre outros, é que moita xente non entende que determinados pensamentos, malia ser minoritarios, son democráticos e perfectamente, digamos, «falables». Como o dereito á autodeterminación, ese ao que se refire a nova maxistrada do Tribunal Constitucional.

Se non entendemos que en democracia todo é falable, discutible, consensuable, daquela non somos demócratas. Se non entendemos que é lexítimo que un grupo de persoas defendan algo que non nos gusta e o queiran conseguir, por vías democráticas, claro está, daquela non somos demócratas. Se o único que se nos ocorre cada vez que alguén plantea unha posibilidade política que choca fortemente coas nosas é chamar á represión e abrir as prisións, daquela non somos demócratas e, ademais, estamos afundindo o soño ilustrado que arrancou no século XVIII e que dixo que por suposto que se pode, dende a razón, buscar como organizarnos políticamente segundo o desexe, precisamente, a maioría.

En democracia hai que falar de todo. De autodeterminación ou, por que non, de república ou do que nos pete. Non somos menores de idade. Xa o dixo Kant e foi no xa citado Século das Luces, «o ser humano chegou á maioría de idade. Xa non precisa de tutelas». Así que benvidas as declaración da nova maxistrada porque fai que a nosa sociedade sexa menos infantil e, polo tanto, máis libre.