Están ben pagados os políticos?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

J.J.Guillén | EFE

17 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A simple pregunta xa incomoda a máis de un. Se a resposta é un si, os incomodados aumentarán. Seguramente non é moi popular hoxe en día argumentar que os políticos non están ben pagos, pero así é. E iso ten razóns que se acumulan no tempo e bastantes consecuencias, das que ningunha parece positiva. A democracia como sistema político representativo basease na elección de persoas que nos representan no poder lexislativo e mesmo nos gobernan no executivo a diferentes escalas: no noso caso, da municipal á europea.

Nos tempos pasados, durante case catro décadas, o neoliberalismo e o libertarismo reaccionario cuestionaron a función mesma dos políticos, nunha crítica á que sempre se uniu ruidosamente esa extrema dereita contraria ao sistema representativo que, agora que deixou de ser cativa en parlamentos e gobernos democráticos, non vai axudar precisamente a prestixialos. Tamén na esquerda medrou esa tendencia demagóxica que sempre aniñou nalgúns sectores a considerar excesivo o salario dos políticos. Hai pouco escoitei un comentario dos que levantan todas as alertas. Era unha persoa formada, profesional, nova, quen dixo nun grupo no que estaba que mellor sería prescindir dos políticos. Bastou lembrarlle que esa precisamente era a idea de Franco e que xa fora por longo tempo ensaiada, cos resultados coñecidos, para que rectificara de contado o que quería expresar. A idea de que os políticos son prescindibles rolda ceibe hoxe e por todas partes fai fortuna, pasou dalgún túzaro de barra de bar ou de casino á ser lugar común que non precisa argumentarse nin moitos se atreven a rebater.

A desconfianza nos políticos levou en Perú a establecer que o deputado só pode exercer nun mandato. Un disparate de consecuencias catastróficas que hoxe está retrasando a necesaria convocatoria de eleccións, provocando mobilizacións masivas nas que xa morreron ducias de persoas e un serio risco de caída na ditadura.

Aquí en Galicia o salario dos parlamentarios foi rebaixado en 2010 nun 10 % e reducíronselles tamén as asignacións por responsabilidades parlamentarias. Supostamente para dar exemplo, aquela medida, tomada nos tempos da crise e a chegada de Feijoo á Xunta, nunca foi revertida. Unha década despois o salario dos nosos deputados apenas foi actualizado nun 6 %. Moi por baixo do IPC e da recuperación de salarios da función pública.

Pagar mal no noso mundo é unha forma de valorar mal. A desvalorización da función política pola vía salarial é implicitamente unha forma de desprestixio da función representativa e de quen a exerce. É unha mala forma de reforzar a democracia e unha pésima vía de garantir o seu funcionamento. Os cidadáns precisamos políticos correctamente remunerados, entre outras razóns para aspirar a ter aos mellores e non aos que non teñen alternativa; tamén porque o merece a dedicación ao esforzo colectivo. Mesmo simplemente por equiparación. O resto é demagoxia ou desconfianza, pésimas armas para o futuro da democracia.