A covid que non nos deixa

Sonia Villapol CIENTÍFICA NO CENTRO MÉDICO DE HOUSTON (TEXAS, EE.UU.) EQUIPO DE INVESTIGACIÓN INTERNACIONAL DO COVID-19 (COV-IRT.ORG)

OPINIÓN

Pilar Canicoba

16 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un ano que se artimañou a xenial estratexia da gripalización, máis política que científica, para aplanar a curva de contaxios da covid e facer desaparecer o problema. É certo que a vida no 2022 adquiriu unha aparencia de normalidade pre-covid, abandonáronse as medidas de control da pandemia, o que permitiu ós gobernos afrouxar as axudas e retornar á «normalidade» tan ansiada. Porén, en Galicia os casos covid o ano pasado superaron ós do ano anterior, así coma os falecidos, que excederon ós da primeira onda. A memoria é feble e parece que pouco se aprendeu. Algún epidemiólogo despistado auguraba a entrada na era pospandemia (a non ser que apareza algo novo, claro), e outros expertos falaban da improbabilidade do regreso das máscaras. Á xente convenlle agarrarse a quen presenta a solución máis confortable a curto prazo, e desta debilidade é da que se aproveita a política.

No pasado novembro, un grupo de científicos internacional firmábamos un artigo publicado na revista Nature onde presentábamos os resultados dun consenso produto de multitude de roldas de discusión. As preocupacións pola covid non desapareceron e as recomendacións dirixidas ós gobernos enfócanse en reforzar urxentemente os sistemas de saúde, atender as desigualdades, mellorar a comunicación científica, a vacinación, a prevención, os tratamentos e os coidados dos pacientes que seguen a padecer síntomas persistentes da covid. Seguíamos a pedir que non se baixe a garda e unha resposta coordinada a nivel global. Na actualidade estimamos que unha de cada dez persoas contaxiadas con covid seguen con algún síntoma transcorridos os tres meses da infección. Os síntomas poden ser moi debilitantes e miserables, os máis comúns son a fatiga crónica, dores de cabeza ou perda de olfacto e gusto que pode durar meses. Por agora o número de infeccións graves e mortes segue sendo relativamente baixo, a pesar do alto nivel de infeccións, grazas ás vacinas e ás infeccións anteriores. Porén, cada infección, aínda sexa leve, fai que alguén sexa vulnerable a un mal curso da enfermidade e ós síntomas persistentes.

O virus segue a evolucionar e as mutacións transfórmanse en novas variantes. En China minguaron as medidas de control e poucas semanas despois chégannos unhas imaxes terroríficas con hospitais saturados que mostran que a pandemia está lonxe de rematar. Nos hospitais dos EE.UU. volven a aumentar os pacientes da covid e vólvese ás máscaras. Debúxase a tendencia a repetir o patrón dos últimos dous xaneiros, cun pico de hospitalizacións especialmente afectando ás persoas maiores. Ano novo e variante da covid nova, chega a XBB.1.5 cun crecemento máis rápido e sostido. É moi contaxiosa, o que significa que non nos vai ser doado librarnos, incluso á xente vacinada ou con infeccións previas, e os riscos de infeccións aumentan coa baixada da inmunidade, mala ventilación e a eliminación das máscaras e os test. Aínda que a última vacina bivalente diríxese contra omicron BA.5, afortunadamente amplía a inmunidade e tamén funciona para inducir anticorpos fronte ás últimas subvariantes. A bivalente é moi necesaria para todos os grupos de idade, en vista da situación actual. Non se pode ignorar a aparición desta nova sopa de letras das variantes da covid e temos que seguir vixilantes e tomando as precaucións que coñecemos ben para evitar os contaxios. Debemos seguir protexendo á xente maior e vulnerable, e a todo o mundo da covid persistente ata que os niveis de transmisión diminuían de novo.