Por que copian traballos os universitarios?

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

Santi M. Amil

16 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Aumenta o número de alumnos universitarios que entregan como propios traballos descargados de internet ou que copian partes de textos sen citar a fonte de procedencia. Aínda así, resulta cada vez máis fácil detectar estas prácticas e, grazas á recente Lei de convivencia universitaria, considérase falta moi grave plaxiar total ou parcialmente traballos, o que permite sancionar ao estudante co suspenso ou coa apertura de expediente disciplinario.

Son tres as causas desta apropiación indebida. Primeira, a falta de motivación cara ao traballo intelectual e o esquecemento de que á universidade vense a estudar e a traballar. O alumno pretende realizar traballos sen ningún esforzo e co único obxectivo de acadar o aprobado ou a titulación. Non hai o máis mínimo interese en consultar e contrastar información, e moito menos en levar a cabo unha presentación e redacción adecuadas.

Segunda, e a maior parte das veces causa da primeira, a falta de formación non só en técnicas de traballo intelectual senón nas propias instrumentais de base, imprescindibles para o ascenso no sistema educativo. Hai unha absoluta carencia de riqueza léxica, de capacidade para expresar o que se sabe ou pensa, ou ben das técnicas de redacción e ortografía. Por suposto que estas competencias corresponden ao ensino preuniversitario, pero este atópase moito máis preocupado dos currículos sobrecargados, do cumprimento de horarios rigorosos ou dos libros de texto que de atender ao esencial e imprescindible.

Por outra parte, e a pesar de supoñérselle ás novas xeracións un bo dominio das tecnoloxías e de internet, non se sabe consultar as fontes adecuadas de información nin levar a cabo un contraste e síntese das mesmas, razón pola cal acábase por copiar e pegar de xeito incoherente. Tampouco hai a máis mínima disciplina e rigor intelectual, bases do traballo científico e piares do mundo universitario.

Por último, os alumnos copian os traballos porque non reciben, en moitos casos, a titoría precisa dos profesores, máis pendentes das súas propias publicacións. Agás as teses de doutoramento, cuxa dirección interesa aos docentes para o seu currículo, os demais escritos, sexan de materias de curso ou previos á obtención doutros títulos, carecen da atención necesaria. Non hai control da elección do tema, da busca de boas fontes, da orixinalidade, da estrutura ou mesmo da redacción. Como consecuencia, ler hoxe traballos universitarios ou asistir á defensa dos mesmos resulta vergoñento e desalentador.