As emocións da patria

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

SANDRA ALONSO

15 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Pídolle prestado o título a Xosé M. Núñez Seixas, que escribe o limiar do libro. Sabiamos da existencia das cartas que durante anos Ramiro Isla Couto enviaba ao seu irmán Xaime dende a emigración, acaso un dos documentos máis íntimos e emocionantes do que poderiamos denominar educación sentimental do galeguismo. Xaime Isla (Santiago de Compostela, 1915-Vigo, 2012) é unha figura especialmente relevante para entender a reconstrución da dignidade da lingua e a cultura galega despois da Guerra Civil, entre outras empresas foi un dos fundadores da editorial Galaxia. Neste ano no que dedicamos as Letras Galegas a Francisco Fernández del Riego vai resultar moi difícil non falar do seu amigo Xaime.

Sabiamos da existencia das cartas, digo, e mais da poderosa influencia que Ramiro Isla Couto (Arnois, A Estrada, 1896-Vigo, 1987) exerceu sobre o seu irmán, dezanove anos máis novo. Eran nove na casa, de condición humilde. Ramiro, que emigrou a Arxentina con quince anos, exerceu de irmán maior e en certa maneira de guieiro, sobre todo cara ao máis pequeno, no que centrou todas as súas atencións e esperanzas. Sabiamos das cartas, mais nunca tiveramos acceso a elas. Xosé Luis Pastoriza Rozas, seguramente quen máis estudou a biografía de ambos os dous persoeiros, descubriunas durante a organización dos fondos familiares e acaba de publicalas: A semente caía en terra propicia. Cartas ao meu ben querido irmán Xaime (Fundación Isla Couto. Vigo), cun estudo introdutorio e notas que as contextualizan.

Crónica sentimental e proceso de iniciación. A primeira vén datada cando Xaime inicia o bacharelato en Vigo, apenas con doce anos (novembro de 1927) e está en castelán, o resto (agás o tempo difícil da guerra) van todas en galego. En total 52. «Renunciar ao idioma é renunciar á propia natureza», escríbelle Ramiro na terceira (1928), «renunciar á natureza é igual a suicidarse, pospoñer o idioma galego a calquera outro idioma é un suicidio espiritual»; e daquela anima ao pequeno a escribirlle en galego e iren perfeccionando xuntos a lingua. Son interesantísimas as recomendacións de lecturas, envíos de revistas, referencias ao mundo da emigración e os exiliados…

Xaime Isla recoñeceu moitas veces a débeda contraída co seu irmán maior, persoeiro vencellado ao exilio e á crónica dos refuxiados en México, Arxentina, Brasil, Venezuela… De feito foi dos que traballou na organización do barcos que zarpaban de Francia con republicanos para América, xestionou a viaxe de moitos que lograron saír por Portugal e mesmo recibiu en París a Florencio Delgado Gurriarán. Capítulos descoñecidos da nosa historia máis recente que esta correspondencia ilustra nun plano máis íntimo e persoal. En certa maneira é o relato dunha vocación e dunha descuberta: a que se produce na idade máis decisiva das persoas, a adolescencia.