Redescubrindo Tortosa

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

X. Estévez

14 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde a cima do monte Caro, que coroa a serra d'Els Ports, divísase Cataluña, Aragón e Valencia. A 1.440 metros de altitude esváense as fronteiras e as disputas entre comunidades porque, na variedade da morfoloxía territorial, das paisaxes e das linguas, as identidades mestúranse de forma harmónica.

Hai tres décadas Tortosa era unha cidade triste que apenas deixaba supoñer a súa pasada potencia económica. Hoxe, notablemente recuperada no seu patrimonio histórico, reivindica a centralidade dun conxunto de municipios que en tempos lle pertenceran e que foron segregándose en virtude do aproveitamento dos acuíferos e das vocacións económicas.

Agora pódense recoñecer as fases de ocupación da chaira onde o delta aínda é terra e o Ebro empeza a ser mar. Baixo os pés afloran os testemuños dun empeño construtor onde se suceden Roma, o cristianismo e o Islam. A Zuda musulmá segue dominando o perfil, sobre unha catedral gótica que renunciou a elevar as súas torres para non estorbar a misión do vixía. A recente intervención que exhumou o substrato arqueolóxico serviu tamén para descubrir a maxestosa fachada barroca da seo, demostrando que, por veces, está xustificado acometer unha liberación de vellos edificios sen valor patrimonial. A pouca distancia, o Portal del Romeu dá paso ao camiño que parte da costa cara a Compostela.

Seguindo a secuencia das colonizacións, a cidade está habitada por xentes de moitos países que conviven neste recanto do mundo global, de onde marcha a mocidade autóctona na procura da mellora do seu estatus vital. Unha cadea social de desexos diferentes cun factor común: a migración.

Tanto o macizo d'Els Ports como o Deltebre son parques naturais e reservas da biosfera. A riqueza do río pódese coñecer a bordo de Lo Sirgador, un vello llaüt de fondo plano que pode servir de modelo para tours turísticos. En tempos, cando non había vento e o caudal era baixo —como agora— o remolque facíase polos propios tripulantes ou por mulleres da ribeira, que se alugaban por menos prezo cás mulas. Este documentado paseo fluvial ponnos ante os ollos, asemade, a cuestión da memoria histórica no controvertido monumento á batalla do Ebro, e as pintadas sobre o sempre latente conflito do transvasamento.

Amo a Cataluña, onde nos anos decisivos da mocidade descubrín a liberdade que apenas se insinuaba daquela en Galicia. Por iso me doe o descrédito ao que levou o procés e, desde o alto do monte, penso como sería posible minorar as fobias recíprocas entre Cataluña e o resto de España. As cuestións identitarias das partes esquecen os matices e a racionalidade.