Da mellor sanidade do mundo á crise do sistema

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

M.rúa

10 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata pouco antes do andazo era corrente presumir de sanidade pública. De súpeto semella que para os usuarios, as responsables políticas e os profesionais sanitarios, o sistema sanitario está nun deterioro inexorable. Tanto se presumía que a paternidade do sistema era materia de disputa entre os partidarios de que fora cousa de Franco e os que atribuían o mérito en exclusiva á democracia. Uns e outros ignoraban que xa había sanidade pública, cooperativa e igualitaria antes de que o pequeno ditador fora ninguén.

Estabamos bastante satisfeitos, aínda que algunhas voces clamaban contra a privatización, outros falaban de desmantelamento encuberto e outros da necesidade de axustar custes e garantir máis eficiencia. Pero todas as forzas políticas negaban nos seus programas para as eleccións que a saúde fora ou debera ser un negocio. Todas empezaban os seus discursos electorais proclamando a necesidade dunha sanidade ao alcance de todos e pechábanos cun canto ao noso sistema público de saúde como un dos mellores do mundo.

En ningún país da Unión Europea a ninguén se lle ocorre presentarse ás eleccións propoñendo a privatización da sanidade e a extensión dos seguros e a atención privada. Pero mentres tanto aconteceu que a sanidade pública foi empeorando, deteriorándose e apareceron pequenos problemas que se converteron en enormes fracasos. A pandemia foi o catalizador de todo o deterioro previo. Do Reino Unido á China parece que o asunto non ten solución, pero tena, seguen existindo os sistema de saúde pública eficientes en Europa, coa condición de que estean ben financiados. Aquí en Galicia a novidade que nos presentan para explicar o colapso dos servizos é que non temos médicos, que non os damos formado. Cando se chegou a esta é que xa non quedaban máis escusas.

A conversión da sanidade nun negocio é un paso que algúns queren dar. Por que ían deixar fóra ese ámbito de negocio potencial das súas especulacións? Tamén inflúe a obsesión ideolóxica dun envellecido neoliberalismo que adora o mercado como exclusivo facedor. En realidade, os negociantes fan o negocio que lles deixan facer. O conto é que políticas se propoñen, cales se fan e a quen votamos. Xa que non podemos agardar que ningún político europeo e menos aínda galego se presente aos votantes cun programa privatizador teremos que empezar a ler por nós mesmos as políticas sanitarias cando imos ao médico de familia, ao pediatra, cando temos que ir a urxencias, cando pagamos menciñas, cando ficamos choídos nunha listaxe de espera que en teoría non existe, cando nos desvían facer probas diagnósticas ou pequenas operacións a centros privados que así imos financiar cos nosos impostos. O negocio da sanidade xa hai tempo que está aquí. Tócanos a nós decidir se queremos que a sanidade sexa pública ou privada, negocio dalgúns ou servizo público. Na propaganda electoral non nolo van contar.