Barco ao lonxe, traxedia na porta

María Canosa
Maria Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

10 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O ceo está cuberto. Por momentos, o vento parece que fose capaz de varrer ata a melancolía. A costa está impregnada dunha néboa sutil que eslúe o perfil do horizonte. Cando chove, non hai piedade. Os ballóns intercálanse cos delampos cunha naturalidade que esmaga. Hai só uns días, pouco antes de chegar a cabalgata de Reis á cidade herculina, un transatlántico decoraba coas súas luces a zona do Náutico. Na Marina da Coruña debúxase unha escena de película.

Mais as sombras da realidade sempre resultan ameazantes. Os Reis Magos trouxeron un buque avariado. A pesar das inclemencias do tempo, apenas se move, fondeado moi preto do porto. Vixíao de preto un remolcador.

Pónseme a carne de galiña mentres repaso os elementos do posible guión: un barco, avariado, preto da costa, xusto nos días de temporal dos meses de outono ou inverno. Eu xa fuxín do Cason, vivín a evacuación con moitos veciños. Tamén sufrín a traxedia do Prestige. Penso que o xénero do posible filme pode ser tranquilamente o terror. Non necesito rememorar aquelas historias. É máis, necesito saber que non se van cometer os mesmos erros, as mesmas imprudencias, as mesmas neglixencias...

É máis, esixo que se nos trate con rigor, respecto e seriedade. Non podemos tolerar que se volvan rir, entre eles ou de nós. Díganme que 35 e 20 anos non pasaron en balde. Que aquelas vidas e traxedias nos fixeron aprender.

Pode que o barco semelle lonxe. A traxedia, témola na porta.