Queren mobilizarnos

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Denis Estevezwww.denisestevez.g

04 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

No meu breve paso polo Congreso dos Deputados asistín á actuación dunha serie de seareiros, os chamados deputados cañeros, que desde a segunda fila do hemiciclo proferían barbaridades insultantes aínda que logo, en privado, tiveran un comportamento normal. Os improperios e o filibusterismo non son cousa de hoxe, pero pode parecer que esas prácticas ocupan cada vez máis espazo na axenda dos parlamentarios. Berran para encher o baleiro de argumentos e suscitar aplausos entre os seus, con frases disparatadas que deberían quedar recollidas, para escarnio dos seus responsables, no diario de sesións.

Diríase que a praxe política ten un problema de linguaxe. A semántica pervértese con oxímoros inaceptables. Como se pode falar de cultura da violación ou da violencia? Non cabe maior inconsecuencia no uso do concepto de cultura. Ou cando alguén admite estar de acordo pero, alegando razón políticas, oponse. Que se entende por razón e por política? Esas incongruencias denuncian o predominio da emoción. As emoción son irreflexivas e producen hábito, basta con ver o que acontece co fútbol, a congregación humana más emotiva e universal.

O peor é que, a forza de emotividade, acábase odiando: todos os nacionalismos por separatistas, as esquerdas por roxas, as dereitas por fachas… Sen matices o acordo é imposible, e as redes son un caldo de cultivo para as mentiras e as proclamas incendiarias. Un individuo coa cabeza quente e un dispositivo electrónico na man pode causar un dano incalculable á comunidade ben pensante.

Se con esa posta en escena política case cómica queren mobilizar o electorado, pode ser que consigan o contrario porque, ante unha disxuntiva extrema, aqueles que sen militar poñen o pensamento por diante da ideoloxía poden quedar fóra de xogo. Os partidos deben lembrar que a maioría de goberno e dalgún xeito a social conséguese incorporando ese espazo electoral centrado.

A esquerda, ante a presión de calquera diversidade, lexisla á demanda e con présa, pensando quizais que a maioría parlamentaria confire autoridade ilimitada. A dereita entende a oposición como negativa á acción de goberno, como se non tivera nada bo. Ambos están a perder oportunidades de aproximarse nos grandes temas, e hoxe non son poucos.

Paseando pola Ferradura na noite de Nadal atópome coa escultura de Lorca, cun rótulo luminoso que nos desexa felices festas. Pregúntome que sería, nestoutra crise, dese amplo sector de poboación desamparada sen as axudas promovidas desde a acción de goberno.