Un Santiago para quedar no 2023

OPINIÓN

Álvaro Ballesteros

03 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Santiago envelleceu nos últimos anos. Sen decatarse fíxose vella connosco. Deixou de ser o foco indiscutible da política, a ciencia e a cultura do país. O lugar no que todo pasaba, onde toda a mocidade de Galicia quería estudar, vivir, divertirse. Deixou de ser a cidade soñada e anovada pola xente nova para facerse antipática á mocidade e á novidade. Perdeu pulso. Confundiu as prioridades que a fixeran tan apetecible, tan desexable.

Santiago naceu como cidade nun lugar inverosímil para o imperio romano pero central para os reis cristiáns. Foi creada hai mil anos para recibir visitantes e proxectar símbolos e ideas, pero sempre tivo pouca inclinación a medrar. E así segue. Hai cincocentos anos, a cidade avanzou sobre as ideas e os mitos relixiosos para encarreirar o saber moderno dende unha nova institución chamada universidade que reunía profesores e alumnos nun foco de saber. Co progreso da medicina, a cidade pasou a converterse hai dous séculos en polo de atracción de doentes á procura das fontes da saúde. Hai un século, o galeguismo imaxinou a capital política que finalmente chegou a ser cando Galicia logrou a súa autonomía, hai corenta anos, converténdoa en sede política e administrativa das súas institucións.

Ao longo de mil anos, Compostela resistiuse a asumir definitivamente o reto de medrar asentando visitantes. Foi unha constante, tantas veces desafiada como conxurada. Sempre houbo forzas que procuraban atraer visitantes e á vez lograr que nunca quedasen. Chegar, deixar o diñeiro e marchar. Peregrinos antigos, estudantes modernos, turistas contemporáneos. Doentes que viñan ao médico, como aquela veciña dunha aldea de Ribadeo que gardaba sempre diñeiro por se había un Mondoñedo ou un Santiago: un preito importante ou unha enfermidade difícil. Tamén feirantes, porque Santiago foi sempre unha feira, xoves ou outro día, ata converterse na máis importante feira de gando e un importante centro industrial do curtido. Dende hai dous séculos as súas casas de comercio e de banca foron o berce doutras galegas. O Santiago burgués e industrial vén de ser retratado nun libro coordenado polo historiador Miguel Cabo.

E un grupo de composteláns veñen de publicar outro libro no que pensan unha cidade para desexar. Sendo escrito a cinco mans nótase a presenza central de Xerardo Estévez, pero só dous autores naceron na cidade na que viven e á que queren, os demais viñeron de Neda, Vilalba e Lugo. Este libro é un desexo e un síntoma. Desexan un Santiago creativo, creador e plural e constrúen un programa en ano electoral. Pero tamén é síntoma do malestar dunha cidade que veu a menos en xerarquía urbana, liderado político e capacidade cultural.

Santiago de Compostela necesita rachar o devalo e sóbranlle recursos e experiencia histórica para facelo. A súa baza máis importante seguen sendo as ideas e o poder do coñecemento, que fixo medrar arredor da universidade un potente ecosistema económico que a cidade case non ve porque sempre estivo aí. O último proxecto de MestreLab é un bo exemplo do que fan os que quedan.