Respirar polo idioma

Mercedes Queixas Zas PORTAVOZ DE CULTURA E LINGUA NO GRUPO PARLAMENTARIO DO BNG

OPINIÓN

Sandra Alonso

03 ene 2023 . Actualizado a las 12:34 h.

Os galegos respiran polo idioma. Así de rotunda é a afirmación que o escritor Julio Cortázar coloca en boca dun protagonista da novela El examen. Debe ser por iso que á sociedade galega se nos corta o alento cando os datos científicos sentencian o que comprobamos a diario: que o idioma galego vai a menos na familia, no traballo, no lecer, na xustiza, nos medios de comunicación, na escola

O censo do 2021 do Instituto Nacional de Estadística (INE) evidencia algúns datos para a reflexión. Son un retrato do presente, mais non unha foto fixa, xa que é posíbel revertela se atinamos coa lectura e nos comprometemos cun proxecto en positivo.

Os datos confirman que o proceso de substitución lingüística do galego polo castelán avanza. Por primeira vez o galego deixa de ser a lingua de uso maioritario na sociedade e, entre as menores de 20 anos, apenas o 16 % tivo o galego como lingua inicial e un 30 % recoñecen non ser quen de falar e escribir en galego nada ou con dificultade.

Unha lingua que vai a menos na transmisión interxeracional, como lingua habitual en todos os usos e lingua de coñecemento desde a infancia. E unha lingua que non ten asegurada a aprendizaxe e, polo tanto, a seguridade para o uso social, está condenada á desaparición.

Son datos que cortan o alento porque acrecentan a falta de vitalidade do galego que xa publicaran o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, as universidades ou a Mesa pola Normalización Lingüística e que a sociedade veu denunciando sen descanso.

Son datos que conteñen o alento porque o Consello de Europa leva até cinco informes sucesivos reclamándolle ao Goberno que poña fin ás limitacións ao galego e cumpra coa lei. E que fixo o PP en 13 anos? Negalo todo e liderar unha política lingüística lesiva para o galego desde a cerna das xeracións máis mozas, as que recoñecen un peor dominio na nosa lingua, as mesmas que accederon á escola cando o PP quebrou o consenso social para impor o decreto contra o galego prohibindo dar clases de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química en galego, ao tempo que premiaba facelo en inglés.

O censo do INE é máis unha avaliación dese decreto do timo do plurilingüismo ao confirmar que a mocidade galega sabe agora menos galego, menos inglés e máis castelán.

As políticas do PP teñen consecuencias negativas para a saúde do galego. A súa indiferenza cara ao galego estao conducindo á irrelevancia.

No BNG acompañamos a sociedade empoderada na súa lingua, quer se o fala quer se o está a aprender. Acreditamos nunha política a favor do galego, que teña como obxectivo a recuperación de falantes e a restitución de usos desde a igualdade para o galego.

Temos confianza na nosa lingua, o galego.

Tamén temos confianza na nosa xente e canda ela imos reverter esta situación que invalida o futuro do galego porque, en palabras de Agustín Fernández, amamos e defendemos a pluralidade lingüística, pero nunca a custa de deixar arrombada a nosa lingua no faiado.