Fútbol impredicible

OPINIÓN

Rungroj Yongrit | EFE

12 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días estamos a ver que a paixón polo fútbol ten unha extensión planetaria, maior que a de calquera deporte. Por que gusta tanto? Porque é un dos máis impredicibles, segundo un estudo dun grupo de físicos norteamericanos. E como se mide iso? Analizaron as series históricas de resultados das ligas dos principais deportes dos EE.UU. (baloncesto NBA, hóckey, béisbol e fútbol americano NFL) e comparáronos cos da premier league inglesa. Confrontaron os datos do seguinte xeito: o resultado dun partido supón maior ou menor sorpresa en función de como quedaran eses equipos na tempada anterior. É dicir: que o Celta lle gañe ao Real Madrid sería menos probable canto maior fose a diferenza na clasificación final na liga do ano pasado. O estudo computou máis de 300.000 partidos e simulou así con ordenadores moitos campionatos virtuais desas ligas. De entre eles, escolleron aqueles que tiñan unha estatística máis coherente coa do conxunto dos datos históricos reais. Ese molde foi o que se usou para comparar coa realidade.

Ao facer esa comparación, resultou que o fútbol é o que racha máis veces o molde. A emoción do fútbol vén da súa facilidade para que un xiro do destino cambie o curso do partido. Se non fose así, sería aburrido. Unha análise recente da big data dos xogadores de cada equipo predicía que o principal favorito para gañar o mundial era Bélxica, seguido de Brasil (España era a 7ª favorita), e xa ven o que pasou... Por certo, os seguintes desa listaxe de favoritos do big data son Francia e Arxentina.