Síndrome Cincenta

María Canosa
maría Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

10 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cincenta. Nada ten nada que ver cunhas medio-irmás malvadas nin con ningunha das moitas miserias que se lle atribúen á protagonista do famoso conto baseado no menos coñecido A Gata Borralleira.

Son Cincenta polo sometemento férreo ao horario. Se se pasa a hora, arriscámonos a sufrir unha maldición.

Así nos movemos moitas mulleres.

Vou acelerada a case todos os lugares. En parte porque é a miña forma de ser, pero tamén porque é a única opción posible. O tempo mídese milimetrado. Como non me gusta chegar tarde e non dispoño de minutos extra, apuro ao camiñar. A cabeza vai ao mesmo ritmo.

Acudín hai pouco a un acto literario. Cheguei con algo de tempo extra, pero marchei antes de que rematase, espremendo todos os segundos posibles alí dentro.

Ao abandonar o local atopei un coñecido que había tempo que non vía. Xa marchas? Preguntou. E eu expliquei: Si, a conciliación non me dá para máis. Rimos a brincadeira, pero só un pouco. Fóra ía frío e o nariz quedóuseme xeado ao instante. Mais antes xa sentín a punzada glacial no corazón.

Apuraba o paso entre as rúas coa sensación de ter deixado algo atrás. Un zapato? Non. Era máis ca un simple accesorio. Imos deixando parte de nós, do noso tempo, en cada cousa.

Creo que existe unha síndrome da Cincenta que fala da dependencia emocional. Para min ten máis que ver con facer do tempo un crebacabezas.

Quizais o único propósito para o novo ano debera ser o de botar o freo. En moitos sentidos.

O obxectivo é ser menos cincentas e máis gatas.