O ensino galego camiña con paso firme

Antonio Leonardo Pastor PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN DE DIRECTORES/AS DE COLEXIOS PÚBLICOS DE A CORUÑA. DIRECTOR DO CEIP CURROS ENRÍQUEZ DE A CORUÑA.

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

06 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Falar de ensino é algo moi serio, por iso deberíamos transmitir a información dunha maneira moi obxectiva, sen ter ningún condicionamento previo, pois a educación é algo no que toda a sociedade está involucrada, a educación depende de todos nós. Hoxe é o que pretendo facer e escribir con rigor, recadando datos, cifras obxectivas, é dicir, poñer á luz unha información que buscando calquera podería atopar.

O ensino galego camiña con paso firme, cimentando as bases da sociedade galega, sen titubeos, como así o poñen de manifesto estas dez razóns:

1. O ensino galego realizou fronte á crise sanitaria provocada pola covid-19 un exercicio de moita responsabilidade, non permitindo que ningún alumno se quedase atrás, e permitindo unha volta ás aulas nunha situación de normalidade case absoluta.

2. Falando dende un punto de vista económico, estamos a vivir uns tempos difíciles, cunha inflación disparada, en definitiva, dun aumento do custe da vida importante, e isto nótano as familias coa volta ao cole. A consellería é sensible co problema que poden ter as familias, e vén de aumentar un 50 % as axudas para libros e material escolar. A maiores doutras accións, como pode ser o transporte gratuíto, os comedores bonificados ou manter a conxelación das taxas universitarias un ano máis.

3. Diante do atropelo que está resultando a implantación da nova lei educativa, que non beneficia para nada ao alumnado, a consellería elaborou os currículos para Galicia, xa dende o pasado abril.

4. O modelo de ensino galego camiña paralelo aos cambios da sociedade, denotando unha evolución controlada, reforzando e creando novos plans. Traballando nunha estratexia dixital de calidade acorde ao tempo que vivimos.

5. E que fai polo seu profesorado? Pois, pese á notable baixada da natalidade, seguimos a contar co mesmo persoal que no pasado curso. Co cal están a mellorar as ratios e a atención.

6. A nosa Consellería de Educación segue apostando pola cultura do esforzo. Aínda que, evidentemente, terá que cumprir a nova lei, iso non quere dicir que teña que estar de acordo con eliminar as cualificacións numéricas ou con pasar de curso con independencia das materias suspensas, isto é un grande erro.

7. Aposta e avance da nova Formación Profesional, cun gran traballo forxado na confianza de familias e empresas, cunhas taxas de inserción laboral do 85 % e case do 100 % na FP Dual.

8. Mellora dos centros: 357 obras de mellora no pasado verán, cun investimento de 64 millóns de euros.

9. Aposta por unha universidade con futuro, como pon de manifesto a aprobación dun plan de financiamento estable ata o 2026, cun investimento nas tres universidades galegas de 3.177 millóns de euros. Cun aumento do mapa de titulacións e másteres en novos perfís profesionais que a sociedade demanda.

10. Unha rede de formación do profesorado forte, motivo de plaxio por outras comunidades autónomas.

Aquí temos dez poderosas razóns para encher o peito falando do ensino galego, pero podería enumerar outras, como a rede de bibliotecas escolares ou o tratamento que se lle dá á atención á diversidade, Galicia exporta ensino. Agora toca defender ao noso alumnado fronte a ABAU, para garantir a igualdade de oportunidades entre o alumnado, viva onde viva.