A xeración Alpha

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

María Pedreda

04 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Na universidade, cando nos explicaban as xeracións literarias segundo o modelo de Petersen, falábannos de quince anos entre unha e outra, criadas nunha serie de experiencias comúns que condicionaban o seu comportamento e a súa visión do mundo, ás veces organizadas arredor de un ou varios liderados, identificadas con símbolos e referencias compartidas. Naqueles anos, a que máis se explicaba era a Xeración do 98 na historia da literatura española (a galega apenas contaba, fóra dalgunhas explicacións do profesor Carballo Calero).

Os sociólogos da comunicación, preocupados sobre todo pola poboación máis nova, levan algún tempo abordando esta cuestión. En moitos casos son etiquetas, mais as etiquetas tamén serven para organizar e intentar explicar a situación. A nova denominación xeracional seica é a xeración Alpha. Viven instalados nos smartphones e as computadoras. Naceron a partir do ano 2010 e os seus principais referentes ou modelos de comportamento seica hai que buscalos nas redes sociais, entre os youtubers e os influencers. Hai un mundo do outro lado das pequenas pantallas que a miña xeración non coñece.

Cal é a miña xeración? Os que naceron entre 1949 e 1968 son os baby boomers, fillos do crecemento económico e a estabilidade europea; en España é a xeración cuxos pais empezan a poder enviar os fillos á universidade. A anterior eran os nenos da posguerra. A que nace entre os anos 1969 e 1980 son a xeración X, que se fai adulta arredor da Transición, seica obsesionada polo éxito. A que nace entre 1981 e 1993 son os millennials (a xeración Y), a da frustración. A seguinte primeira xeración de internet é a xeración Z (nados entre 1994 e 2010), tamén chamada a xeración Cristal, pola súa suposta fraxilidade ou vulnerabilidade, con sobrecarga de información que non sempre é quen de xestionar. Os sociólogos denomínana tamén a xeración da irreverencia. E agora?

Estamos nas portas da xeración Alpha, fillos da intelixencia artificial e o metaverso, instalados nun universo onde todo está conectado e a realidade e a non-realidade (que tamén é realidade) se confunden. Este é o mundo dos nosos netos, intelixentes e decididos, mais tamén interdendentes a través das máquinas da comunicación. Algúns neurólogos din que se cadra está a nacer unha nova configuración dos cerebros, unha especie de mutación. Non sei se os nosos avós pensarían o mesmo de nós. En calquera caso, estamos diante doutra maneira de enxergar a vida, os valores, os principios que para moitos das xeracións anteriores parecían inamovibles: unha nova xeración instalada na tecnoloxía, que a entenden como un hábitat propio, natural e irrenunciable, e coa que teremos que deprender a vivir e relacionarnos (os pais, os avós), porque o mundo hai tempo que pisou o acelerador. Teñen agora entre dez e doce anos.