Que nos axude ET

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR DE GALAXIA

OPINIÓN

UESLEI MARCELINO | REUTERS

30 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Semella unha brincadeira, pero non o é: no Brasil, un grupo de seguidores de Bolsonaro, que por suposto non aceptan o resultado das eleccións, concentráronse para, coa luz dos seus teléfonos móbiles, chamar aos extraterrestes e así pedirlles axuda e que maten a Lula. Tal que así. Que traían as súas naves e, raio láser polo medio, fulminen e desintegren ao seu rival político.

Ata onde sabemos, os curmáns de ET ou ben non entenderon a mensaxe, ou andan moi atarefados con outras cousas, ou están máis con Lula que con Bolsonaro. En todo caso, non se manifestaron malia lunática petición deses bolsonaristas alucinados.

Iso no Brasil, mais, nos Estados Unidos, por unha banda Trump anuncia que volve presentarse (Elon Musk, o xefazo de Twitter, xa lle abriu a conta outra vez) e, ademais, Kanye West, un rapeiro, di que volve presentarse tamén. Nas anteriores conseguira 60.000 votos. Twitter tamén lle pechara a conta aí atrás polas burradas que dicía máis, de novo, pero seguro que é casualidade, co cambio de dono da rede do paxariño xa a recuperou e, coma Donald, xa poden mentir o que queiran, soltar as paridas que consideren ou, sen máis, montar unha realidade alternativa que, polo que sexa, millóns de persoas cren e, como consecuencia desa aceptación, lles votan.

O rapeiro, Bolsonaro e Trump aseméllanse en varias cousas. Sobre todo en que centran a súa campaña en, máis que en ofrecer propostas políticas, demostrar seguido o seu odio aos xudeus (caso do rapeiro), o feminismo, a inmigración, calquera clase de medida que busque a xustiza social e a comunidade LGTB.

E en que máis se parecen? En que os tres teñen como directores das súas campañas a ultradereitistas; no caso do rapeiro e ex dunha das Kardashian, un tal Milon Yiannopoulos, un xornalista británico que ten escrito que a homosexualidade é «aberrante» e que «todos deberían volver ao armario».

En definitiva, un chanzo máis da escaleira terrible na que está metida a política mundial. O de menos é se o candidato ten algo que dicir. O que importa é se vai ser viral. E nesta omnipresencia das redes sociais, o discurso político é campo aboado para os que teñan a habilidade de chiar con canta máis dexeneración, mellor. Porque os discursos racionais, elaborados, moderados, estruturados, non teñen cabida nas redes. Os insultos, as saídas de ton e as barbaridades, si. Por iso cada vez máis, a política será exitosa para esta clase de extraterrestes. Pero non os bos. Non, precisamente os que, dende o alto de espazo sideral, ollan para nós preguntándose pero que fan todos eses axitando os móbiles sobre as súas cabezas.