As mentiras extraordinarias

OPINIÓN

Ronald Wittek | EFE

30 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A mentira adoita ter un percorrido máis rápido que a verdade e o dano que pode facer ás veces ten terribles consecuencias, sobre todo se reparamos nas posibilidades que lle proporcionan as redes para que se espalle con velocidade e a calquera parte do mundo. Para Ciorán, que só debía de pensar no mundo da escrita, a mentira era unha forma de talento e convertía a calquera creador nun perfecto mentireiro que inventa algo extraordinario para llelo facer crer aos demais. Estes días en que o fútbol ocupa unha parte importante do enxeño mentireiro xunto co lecer e as paixóns cidadás, aceptamos todas as trolas que se inspiran nun país que non respecta os dereitos humanos e aceptamos que un mexicano nos diga que foi detido e condenado a 30 lategazos por introducir alcol en Qatar ou mesmo que un comentarista da RTVE lle chamase mono a unha persoa discapacitada que participou na apertura do Mundial. Mesmo estamos dispostos a crer as palabras do presidente da Federación Española de Fútbol cando nos di que a celebración do evento nese país árabe non é por unha cuestión indigna de cartos senón para favorecer a liberdade, igual que o turismo e o deporte rei axudaron hai anos a rematar con corenta anos de ditadura franquista. Son salientables os esforzos destes mentireiros en ser verosímiles e non queda outra que aplaudir o seu enxeño. Despois de todo, a realidade é ben dura porque quen non sabe mentir tampouco sabe o que é a verdade. Por sorte, temos a tanta xente iluminada que dedica o seu tempo libre para nos facer crer o imposible que resulta case ridículo pensar que moitos dos horrores que cren inventar os novelistas sempre quedan por debaixo destas verdades xeniais, por moi noxentas que sexan.