Os Orzamentos de Pedro Sánchez

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Alejandro Martínez Vélez | EUROPAPRESS

29 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando tiñamos dezaseis anos e aínda non había democracia en España, aprendíamos a democracia co noso profesorado de segundo de BUP e máis nas películas e series americanas, inglesas, francesas, italianas. Daquela imaxinabamos que a democracia parlamentaria era algo parecido a isto que agora experimentamos: debates, conflitos, acordos, negociacións, solucións, normas aprobadas por maioría despois de deliberación parlamentaria, sempre escrutadas polo tribunal da opinión pública e todo ratificado ou modificado polas decisión dos votantes nas eleccións.

A aprobación dos Orzamentos do Estado no Congreso dos Deputados (falta a do Senado) no medio da gallofa da oposición obriga a lembrar que este é o intre politicamente máis decisivo nun réxime democrático parlamentario. Máis relevante que a aprobación de calquera outra lei agás a Constitución, comparable ao acto de elección do presidente do Goberno. Aprobar os Orzamentos do Estado non ten nada de trámite, aínda que ás veces lle chamen así. Supón polo menos catro cousas significativas.

A primeira, a confirmación dunha maioría parlamentaria segura, no caso dun Goberno de coalición coma o actual aínda é máis decisivo, pois supón unha moción de respaldo parlamentario que bota fóra calquera posibilidade real de moción de censura. A segunda é que aporta unha garantía internacional de solvencia económica, tanto para os chamados mercados (bolsas, negociantes de débeda, investidores, etcétera) como para a Comisión Europea o todo o marco institucional europeo no que estamos integrados.

A terceira consecuencia da aprobación dos Orzamentos é a garantía de estabilidade económica interna, porque asegura os marcos reguladores do funcionamento do sistema económico, sempre, pero máis nunha época crítica como a que vivimos. A cuarta é a máis importante para os cidadáns, pois a renovación dos orzamentos públicos asegura o funcionamento ordinario das administracións que organizan o estado do benestar, os servizos públicos ou a investigación.

Só dende a nostalxia do autoritarismo ou pola ambición lexítima de alternativa da oposición esta pode, e debe, aspirar a evitar que o Goberno aprobe uns orzamentos que ademais son os últimos antes das eleccións municipais de maio e das vindeiras xerais deica un ano. Por iso son tan decisivos para o Goberno e os partidos que o apoian e tan disputados por esa oposición que estes días augura todo tipo de traizóns, fracturas, rupturas, vendas, deslealdades e «ignominias», ese palabro que se usa cando xa non se sabe que dicir. Esperemos que nesta subida de tensión, que incluíu insultos programados e berros desesperados, a oposición non rache ningún xarrón nin apele máis da conta ás súas nostalxias autoritarias.

Aprobando os orzamentos o Goberno demostra que ten detrás a maioría dos cidadáns e cidadás do Estado. Se a oposición quere gañar eleccións, ademais de insistir en baixar impostos, que explique como faría os orzamentos, porque as contas fanse mellor con ingresos.