Optimista co 25N?

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

EDUARDO PEREZ

29 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Preguntábanme o outro día se era optimista co 25-N. E eu respondín que me obrigaba a selo. Porque algo xa se conseguiu, aínda que quede moito por avanzar.

Mais a cuestión mantívose dando voltas na miña cabeza. Estes temas sempre me producen intranquilidade e, inconscientemente, vivo sempre alerta. Vivimos sempre alerta.

Dá igual que sexamos altas ou baixas, coa cadeira ancha ou o nocello estreito, louras, con melena, ou de pelo negro e curto, co ventre plano ou co nariz pequeno. Non importa se o traseiro é prominente, de peitos grandes ou os labios finos, usemos lentes ou vivamos sen elas. Todo iso dá igual, porque hai unha calidade que compartimos todas inevitablemente: a vulnerabilidade.

Cren que non teño medo de saír facer deporte de noite? De regresar a casa logo de que se vaia a luz? Ir ao garaxe a primeira hora da mañá ou xusto despois de xantar?

A resposta a todas elas é si.

Non debera insinuarse que a roupa, o peiteado, a maquillaxe, os zapatos, o sorriso ou a mirada poden influír. Porque é inxusto, ruín e irrespectuoso.

Quero ser optimista, pero é complicado. Imaxinan o que senten esas vítimas de violacións, acoitelamentos e outros ataques que van ver un día aos seus agresores pola rúa? O que contan, porque o viviron, é terrorífico. Quen lles di que teñen que ser optimistas? Alguén que poida asegurar que están seguras?

Claro que non o están. Non o estamos. Porque cando saian do cárcere... que? E os que viven ao axexo... que? E nós, mulleres, fagamos o que fagamos... que?