Non hai peor cego que quen non quere ver

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR DE GALAXIA

OPINIÓN

SEDAT SUNA | EFE

23 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Extinguirémonos.Que ninguén teña dúbidas. A especie humana acabará coa súa propia vida na terra. Perdón pola profecía pero non teño por que pensar algo distinto. Non o veremos nós nin os nosos netos, pero non falta moito. Están avisando dende hai moito. O capitalismo tiña que decidir entre seguir amasando cartos a conta dun terricidio ou parar para tentar reverter unha situación crítica. Tomouse a decisión de seguir. Tomouse a peor das decisións.

Hai décadas que os movementos ecoloxistas están advertindo cara onde camiña esta raza humana inconsciente. Pero nada. De cando en vez toma o poder algún partido verde, ou o asunto ecolóxico entra na axenda política. Pero sempre dende un punto de vista moi humilde e nada radical. O sistema pode durmir tranquilo. Eses hippies non van acabar co bo negocio montado. Aínda que ese negocio sexa letal. Os gobernos, en mans das grandes corporacións económicas, poden maquillar o desastre que se nos anuncia falando de reducir emisións e non sei que. Poden reunirse. Asinar manifestos. Apoiar declaracións. Encher as cidades con colectores de lixo verdes, azuis, amarelos. Mais é só iso: maquillaxe. O asunto de fondo non se trata.

E o asunto de fondo é o capitalismo. O sistema. A orde que moitos consideran natural das cousas.

Porque o capitalismo é insaciable, non ten límite, quere sempre máis. Por iso hai tanto negacionista do cambio climático, entre outros o partido republicano estadounidense, que pode recuperar o poder, con Trump ou o outro, e que, como xa anunciou, vai pechar, se tal consigue, as axudas á redución de emisión de gases de efecto invernadoiro. Como Rajoy, que hai moito tempo dixo que tiña «un primo» que lle asegurara que o cambio climático era un invento. Como Ayuso, que na Asamblea de Madrid, asegurou toda cheíña de razón unha frase que, máis que un titular, é unha sentenza: «Desde que existe el mundo ha habido cambio climático». Claro que si. Pero este cambio climático está causado polo ser humano, non por unha glaciación xeolóxica, non pola caída dun meteorito. Este desastre máis que anunciado, a diferenza dos outros, é perfectamente evitable, reversible. Convennos, de feito, evitalo, revertelo.

O problema, en definitiva, é o negacionismo. Ou, como se dixo sempre: non hai peor cego que aquel que non quere ver. Semella que non hai futuro, como recolleron os punkis nos 70. Extinguirémonos. E témolo moi merecido.