Eses fachas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

La ministra de Igualdad, Irene Montero
La ministra de Igualdad, Irene Montero Alberto Ortega | europa press

21 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Non, Irene, non. Así non. Non todo vale. Menos aínda cando foi xustamente o que se criticou do bando contrario. Lembran cando falaban da vella política, dos vellos costumes? Pois, señora Montero, son os mesmos que están utilizando vostedes agora. Hai que ser críticos e saber entoar o mea culpa.

Non dubido de que a intención de mudar a lei e determinar o «sí es sí» era endurecer as penas. Non o dubido. Pero o resultado está a ser contraproducente. Entón é o momento de mirar cara dentro, recoñecer que algo foi mal e intentar poñerlle remedio.

Asegúrolle que é moito mellor, en todos os sentidos, que comezar a chamar aos xuíces (e xuízas) machistas ou determinar que todos son uns fachas. Ai, eses fachas! Igualiño que cando vostedes criticaban que se referisen ao seu partido como mafia ou comunistas. Non viñan modernizar a política? Teñen unha ocasión bárbara para facelo. Autocrítica, resposta rápida e reacción efectiva. Esa é a fórmula. Botar as culpas aos demais... non.

A lei sempre foi interpretable, non é ningunha novidade. Os xuíces teñen unha ferramenta para utilizar, e farano como mellor entendan. Se non queren que as penas se abranden, non lles ofrezan un instrumento que o posibilite. Esa é a mellor actitude, e non confiar en que os demais actúen segundo o que entendemos que deben facer.

Podían ser inocentes nun principio, pero xa levan un tempo no poder e saben como funciona a política. Así que deixen as desculpas e busquen unha solución inmediata, se é que aínda a ten.