É un dos máis importantes dereitos da infancia

Breogán Riobóo Lois TRABALLADOR SOCIAL NA UNIVERSIDADE DE VIGO

OPINIÓN

20 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Educación inclusiva, entre outros aspectos, implica: atención personalizada, recursos humanos e técnicos suficientes, inversión económica con retorno social, adaptación de espazos e materiais... Por riba diso, supón crer no potencial dos máis novos da sociedade, futuro motor do país.

 

Educación inclusiva significa promoción da autonomía persoal, dende a filosofía de vida independente, para que cada persoa sexa protagonista do seu propio proxecto vital. Esta filosofía leva 60 anos con nós e impulsou o cambio de paradigma na comprensión da discapacidade. Antes querían completar á persoa con discapacidade, facela normal, baixo un criterio médico do bo e saudable, o modelo médico-rehabilitador. O persoal facultativo decidía que facer con elas para que tiveran a mellor vida posible, aínda que non fose a que elas querían vivir. Iso si, que ninguén ousara quitarlle o tabaco ó persoal facultativo, aí non importaban as consecuencias médicas.

Xunto á filosofía de vida independente emerxeu o modelo social que repara nas inxustizas que a sociedade pon ás persoas diferentes: non chegan catro semáforos con sinais sonoros para persoas cegas; os edificios públicos seguen sen ter unha mínima accesibilidade cognitiva para que calquera persoa poida ser autónoma ante a Administración, etcétera.

Este modelo deu pé a dúas concepcións coas que interactúa: o modelo da diversidade funcional que valora a diferenza como elemento enriquecedor das sociedades; e o enfoque de dereitos, asentado na Convención Internacional dos Dereitos das Persoas con Discapacidade aprobada pola ONU no 2006.

A educación inclusiva é un dereito, un dos máis importantes da infancia e a adolescencia, mais hai profesionais nalgúns equipos de orientación e centros educativos que se resisten a aceptar estes avances. Negan estes dereitos coa conivencia da inspección educativa e, por extensión, da Consellería de Educación.

Negar dereitos á infancia é ruín, impide o seu desenvolvemento persoal e hipoteca o seu futuro e o da sociedade. A provincia de Ourense só ten un centro educativo de referencia para o alumnado xordo. Hoxe hai tres alumnos, de distintas idades, usuarios da lingua de signos española, recoñecida por lei no ano 2007. O seu artigo 7.2 garante modelos educativos bilingües (lingua de signos e lingua oral) «de libre elección polo alumnado xordo, con discapacidade auditiva e xordocegas».

Ás veces atopámonos con pseudoprofesionais (non se actualizan conscientemente) que negan o uso desta lingua de signos ao alumnado e queren desmutizalos, buscando que usen a lingua oral sen permitirlles adquirir a linguaxe mediante signos, a súa conexión co mundo. Redúcense cada vez máis as horas de intérprete de lingua de signos nas aulas, cando debera ser toda a xornada lectiva, como ponte de comunicación co profesorado e as compañeiras. No canto de aproveitar a riqueza da lingua de signos, impiden o desenvolvemento destes rapaces e íllanos do seu contorno.

Educación?