Fútbol feminino

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

RFEF | EUROPAPRESS

18 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Tiña pensado escribir sobre o que significa que na era da corrección política se celebre un mundial de fútbol en Catar. Pero decateime de que non teño as ferramentas para reflexionar sobre a hipocrisía que hai arredor do fútbol masculino. Así que, nun intento de entender a historia deste deporte, decanteime por aprender a do fútbol feminino. Confeso que sei tan pouco dun coma doutro, e que a miña ignorancia (e o meu prexuízo inconsciente) sorprendeuse ao entender que a súa orixe e popularidade estaba tan ligada ao masculino coma ao feminino.

Aprendín que a Football Association británica, a xénese do fútbol organizado como o entendemos hoxe, naceu no ano 1863, e que o British Ladies' Football Club, a versión feminina, foi creado no 1894. Ao chegar a Primeira Guerra Mundial, cando as mulleres comezan a ocupar os postos de traballo nas fábricas do Reino Unido (pois a meirande parte dos homes tiñan que ir á guerra), comezan tamén os partidos de fútbol entre as mulleres das diferentes fábricas. Estes partidos fanse tan populares que, no ano 1920, o partido entre o Dick, Kerr's Ladies e o St. Helen's Ladies chega a ter unha audiencia de 53.000 almas. E ao ano seguinte a Football Association, alegando que «o fútbol é inadecuado para as mulleres», decide prohibir o fútbol feminino nos estadios asociados á organización, unha prohibición que dura até o 1971.

Aprendín tamén que en España a selección feminina de fútbol, nada no 1971, non é «recoñecida» pola Federación Española até o 1983. E que a profesionalización do fútbol feminino comezou, literalmente, o ano pasado... En resumo, aprendín que a historia do fútbol contén tantas inxustizas coma a vida real.