20 anos do Prestige

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Miguel Vidal

10 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«Non veñas, que choras». Iso dixo miña nai a primeira fin de semana despois da traxedia do Prestige cando avisei que ía ir a casa, en plena Costa da Morte. «Isto está fatal, María», era o comentario de papá. «É todo un desastre», engadiu logo de ir limpar unha das praias co alumnado do centro no que era docente.

Ao contrario do que nos querían facer crer, o problema non desapareceu en tres días. Fun a casa, chorei. A sensación era a de ter o corazón encollido, doente. Tamén limpei petróleo, como tantos e tantas voluntarias ás que nunca estaremos o suficientemente agradecidos. Recolliamos lixo con rabia, case furia, e moita dor.

Xa pasaramos a traxedia do Cason. Nunca antes (nin despois) vivira a evacuación dunha vila. Mirando atrás... foi terrible.

Pasaron vinte anos do Prestige. Segue doendo todo aquilo. Non só o desastre ecolóxico, a extinción do arao común, a desinformación... Doe a mentira, ver na televisión unhas escenas que non se correspondían coa realidade. Provocaba demasiada frustración. A sociedade comportouse con exemplaridade, non así os seus responsables.

O domingo pasado, o programa Salvados lembrou o aniversario. E saben? Volvín sentir a mesma carraxe vendo ao ex conselleiro Enrique López Veiga escarallándose da risa (desculpen a expresión) ao relatar como foi a desastrosa xestión. Unha burla. Outra máis. Dúas décadas despois e seguimos con igual desvergonza.

Nós quedamos co petróleo nas praias e eles co sorriso cínico e os golpes no lombo. Ao final, saíron coa súa.