En Viana do Castelo faltaba a Xunta de Galicia

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

ESTELA SILVA | EFE

08 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Algúns ministros do Goberno do Estado cansaron de repetir estes días que en Viana do Castelo estaban todos os que tiñan que estar na cimeira hispano-lusa da pasada sexta feira. Algúns voceiros importantes do Partido dos Socialistas de Galicia repetiron a mesma xaculatoria como nunha cacofonía, pero só conseguiron que a prédica fixera máis grave o erro. Non se pode crer que non haxa ninguén con mando entre os socialistas d'aiquí para reparar en que a Xunta de Galicia debera estar nesa reunión entre os dous países. Non pode ser que non se dean conta de que a súa posición neste asunto traballou contra a súa credibilidade como alternativa de Goberno en Galicia.

A cimeira entre os gobernos español e portugués celebrouse estoutra sexta feira en Viana, debaixo do castro de Santa Luzía, un dos cumes da cultura castrexa, no territorio que despois sería a Gallaecia romana. Visto desde Galicia, nesta reunión de Viana xúntanse a Galicia lucense e a bracarense ou os curmáns Afonsos, o Henriques e o Reimundes. Visto pola xente, baixamos a Portugal comerciar, mercar, vender, estudar, traballar ou vivir e o mesmo fan os de alén Miño cando soben, falando na mesma lingua con sotaques diferentes e sempre devagar devagariño e con licenza. Máis aínda, nas terras das dúas beiras do Miño, minhotos son todos, porque os ríos sempre unen, aínda que por algún tempo lle chamaran contrabando á relación. Como deixaron escrito en 1805 os veciños de Pontedeva, nun pedimento ao Rei de España: «Contrabando por contrabando, millor o de Portugal».

Protestou con razón o presidente da Xunta cando reclamou participar e errou gravemente quen dixo que non había lugar. A Xunta tamén é Estado, pero neste caso ademais representa á parte que nunca estivo de costas viradas. Non serei eu quen bote leña a esa fogueira tan pouco edificante e tan popular (do Partido Popular) de que todos os males veñen do Goberno do Estado, pero neste caso o erro de xuízo, protocolo, estilo e sensibilidade foi de envergadura. Deberan sabelo en Madrid, pero sobre todo deberan sabelo no PSdeG, que neste asunto demostrou estar ausente do importante e carecer de capacidade e de posición autónoma. E iso é o mínimo que se lle debe pedir a un partido que aspira a presidir a Xunta e que xa a presidiu. Probablemente non sería concibible algo así no partido de Touriño, nin coincide tampouco coas palabras da mensaxe que o expresidente enviou uns días antes a un importante acto transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, celebrado en Vila-Real.

Non hai que saber de historia, nin de relacións externas para entender que a Xunta de Galicia, ocúpea quen a ocupe, debe estar nunha cimeira hispano-lusa en Viana. Abonda facer política e saber ler o presente económico, ou abonda con ir pola feira de Barcelos.