Os galegos e o galego

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Luis Millan | EFE

07 nov 2022 . Actualizado a las 10:36 h.

Desta volta, foi Paco León. Para describir o obtuso dun dos seus personaxes refírese a el como «case galego». 

Pero... que lles pasa aos cinéfilos co galego e os galegos? Están poñéndonos difícil apoialos con iso de que o cine é cultura. Se o é, teñen que dar exemplo. Non se me esquece aínda o comentario de Pedro Almodóvar, que dicía que só entendería que enganasen a alguén se fose un galego analfabeto dos que asinan cun dedo.

Non ten sentido xeneralizar así. Saben vostedes quen é, por exemplo, Ángel Carracedo? Claro! Non van saber! Sábeo o universo científico de todo o mundo! Pois é galego.

Carai... igual xa lles dá un pouco máis de reparo usar o xentilicio á lixeira con tanto desleixo, non?

Existe unha listaxe nada desprezable de famosos, de distinta índole, desprezando o galego e aos e ás galegas. E xa está ben. Fóra estereotipos sen fundamento, por favor... que xa somos maiores e maduros (como sociedade). Que conste que o primeiro paso adiante debemos dalo nós, os e as galegas. Non deixarnos pisar, de ningún xeito. Nin desde fóra nin desde dentro. E iso inclúe que non nos pisen o idioma. Hai un par de días acudín a un centro de saúde. Nos mostradores atopei varios carteis corporativos, oficiais do Sergas, que dicían: «Por cuestións de saúde, pregamoslle respeten a distancia de seguridade». Si, sen acento en pregámoslle e sen c no respecto. Dúas faltas nunha liña. Moi representativa esta nota. Ironicamente, o problema está xustamente aí, en descoidar o respecto, na súa falta.