Macarena Olona, carlismo e tortilla de Betanzos

gaspar méndez ECONOMISTA. PROFESOR DE XEOGRAFÍA E HISTORIA NO IES LUCUS AUGUSTI DE LUGO

OPINIÓN

Carlos Luján | EUROPAPRESS

08 nov 2022 . Actualizado a las 09:48 h.

Recentemente, Macarena Olona peregrinou a Compostela, non sabemos se para atoparse consigo mesma, cos seus posibles votantes, ou na procura diso que chaman a dereita. 

Diga ela o que diga, o primeiro non creo que o conseguira, pois para atoparte contigo mesmo precísanse máis leguas de camiño, máis tempo, e tamén soidade para meditar.

Se o que buscaba era a dereita, puido aproveitar a súa visita a Compostela para entrevistarse cun dos máis eminentes politólogos deste país: Miguel Anxo Bastos.

O profesor Bastos podería guiala, explicándolle, como adoita facer nos vídeos que os seus discípulos publican a través do instituto Xoán de Lugo, que a verdadeira dereita neste país está representada polo carlismo.

Para Bastos, todos os demais partidos, Vox incluído, beben do liberalismo do século XIX, sendo, polo tanto, xacobinos; ou sexa, de esquerdas.

Nin con esas creo que a señora Olona acabara facéndose carlista. A mensaxe que lucía no peitoral da súa camiseta dá a entender que é máis de España que das Españas, e iso choca co foralismo tradicionalista.

Realmente coñecemos moi pouco do carlismo. Os currículos educativos adoitan poñerse de perfil en todo o referente tanto ás guerras carlistas como ao ideario que impulsou tres levantamentos en armas durante o século XIX, cunha amplísima base social.

Así, un estudante que remate a secundaria pensa, erroneamente, que os carlistas eran partidarios do absolutismo, e non sabe, por exemplo, que defenderon os foros, e que eran contrarios aos impostos aos consumos e aos chamamentos a quintas.

Máis grave aínda é identificar fascista (para os tradicionalistas, unha dexeneración do liberalismo) con faccioso, provindo este último termo de facción (carlista, por suposto).

Pero non imos expoñer aquí o ideario tradicionalista, que daría para varios libros, senón de algo tamén descoñecido para o gran público, como son as grandes aportacións do carlismo á gastronomía nacional, das que tería a oportunidade de gozar Macarena Olona, de terse achegado a Betanzos.

Non lle imos atribuír o mérito do invento da tortilla de patacas ao xeneral Zumalacárregui, pois a arte de callar ovo con patacas xa está documentada moito antes en Villanueva de la Serena e na Baixa Navarra. Pero o que si que parece ser certo é que a tortilla coa que a navarra María Tirgo cumprimentou ao xeneral, aló polo ano 1835, serviu para que este ordenase que se incluíse nas racións dos soldados do seu exército, que estaban sitiando Bilbao, un alimento tan nutritivo, barato e fácil de preparar. Serían estes soldados os que haberían de popularizala entre a poboación.

Seica naquel mesmo Bilbao vivía Simón Gurtubay, modesto comerciante que acababa de pedir «100 ó 120 bacaladas de primera categoría», con tan mala sorte que o telegrafista entendera a ó como un cero. Así, gardaba nos seus almacéns 1.000.120 pezas de bacallau. Cando don Carlos iniciou o sitio, o seu erro converteuse en fortuna, xa que ese bacallau alimentou á cidade sitiada.

Como os bilbaínos estaban cheos de comer sempre o mesmo, idearon múltiples receitas para guisalo. Receitas que foron recollidas polo liberal coruñés Manuel María Puga y Parga; quen, como político, chegaría a ser alcalde da Coruña, e como gastrónomo publicaría, entre outros, o libro 36 maneras de guisar el bacalao, baixo o pseudónimo de Picadillo.

O ata agora dito non nos permite falar dunha cociña propiamente carlista, aínda que hai quen considera como tal as elaboracións que José Troitiño, cociñeiro de don Carlos María Isidro, fixo para o seu rei, para a princesa de Beira, e para os seus descendentes, desde a nostalxia do exilio.

Remataremos esta breve exposición co prato carlista por excelencia: eses ovos fritidos, envoltos en bechamel, rebozados e empanados que levan o nome de ovos carlistas, tamén chamados ovos encapotados en alusión á dobre capa, ou capote, que levaban os soldados carlistas.

Buscase o que buscase a señora Macarena Olona, esperamos que gozase da nosa terra e da nosa gastronomía, carlista ou non.