Voces de mulleres

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

SANDRA ALONSO

06 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

En apenas unhas semanas vemos emerxer recoñecementos e iniciativas que non podemos máis ca celebrar, pois anuncian un novo tempo que seguramente non é tan novo, pero que se manifesta cada vez con máis forza: a presenza da muller na vida social, intelectual, económica, universitaria, artística, política… Un signo dos tempos que se acelera, por máis que deberíamos dicir mellor que se vai normalizando: a igualdade das persoas por riba da calquera marca de sexo ou condición, todas cos mesmos dereitos, incluído o dereito a dispoñer de destino e horizonte propio. 

Certo que isto se dá no modelo occidental da cultura, e queda moito camiño por andar. É certo igualmente que esa emerxencia imparable está a producir desaxustes (tamén entre nós) que dexeneran ás veces en situacións de violencia, inxustiza, abuso físico e emocional, reaccións primarias do vello machismo, que se resiste, e cómpre ir derrotándoo paso a paso.

Mais hoxe quero ser optimista. Hai poucos días que a nosa compañeira Marilar Aleixandre recibiu o Premio Nacional de Narrativa por unha obra onde as protagonistas son as mulleres (As malas mulleres), con atención especial a figuras sobranceiras e no seu momento transgresoras como Juana de Vega ou Concepción Arenal. Soubemos tamén do Premio Nacional de Historia a Ofelia Rey Castelao, profesora tamén na USC, que dende hai tempo vén prestando especial atención á significación da muller nos procesos históricos (El vuelo corto. Mujeres y migraciones en la edad Moderna), un traballo onde o estudo do papel das mulleres nese período exemplifica os cambios sociais, tamén as tensións e as transformacións que se producen nas colectividades. Non é o primeiro traballo da autora, que participa nos estudos de xénero.

E logo están as máis novas. Hai poucos días presentamos na RAG e na USC unha liña de producións audiovisuais, centrada na significación da mocidade feminina, as superheroinas da lingua, en palabras de Xosé Manuel Diego, que desenvolveu un traballo de fin de grao sobre o tema. «A lingua galega necesita referentes novos para a mocidade», explicou na presentación, «pero moi especialmente referentes femininos». E aquí están Lucía Freitas (cociñeira cunha estrela Michelín), Alba Cid (Premio Nacional de Poesía Miguel Hernández no ano 2020), Andrea Pousa (cantante con proxección alén das nosas fronteiras), Esther Estévez (a estrela de Dígocho eu), Laksmy Irigoyen (deseñadora e produtora de videoxogos), Antía Castro (fotógrafa con importante presenza no mercado das redes sociais), Paula Jorge (instagramer)… Son voces novas para o futuro, cada unha na súa especialidade e con universo propio. Voces de mulleres. Millennials, centennials e algunha xeración Z, segundo nos explicaron. Novas maneiras de entender o mundo sen renunciar a nós. Moito llelo agradecemos.