Eróstrato

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

05 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Un pastor grego, canso de ser un ninguén, decidiu facer algo gordo para que se falase del e púxolle lume ao templo de Diana en Éfeso, unha das sete marabillas do mundo antigo. As autoridades condenárono a morte e prohibiron o seu nome ás xeracións futuras, pero o historiador Teopompo —un gacetilleiro con alma de paparazzi— deuno a coñecer e soubemos que aquel paspán se chamaba Eróstrato. Era o ano 356 a. C. e desde entón a arte sufriu agresións doutros moitos Eróstratos por motivos que van do fanatismo relixioso ou político ao simple vandalismo e á tolería; pero en todos os casos o atentado foi contra a obra artística polo seu simbolismo ou a súa estética, e ningún pensou en facelo como vindicación política ata que apareceron as sufraxistas británicas a comezos do século XX. O ataque máis soado foi o de Mary Richardson, que o 10 de marzo de 1914 entrou na National Gallery de Londres e deulle sete coiteladas á Venus do espello, de Velázquez, para protestar pola detención da líder feminista Emmeline Pankhurst. Ao ser detida declarou: «Quixen destruír a imaxe da muller máis fermosa da mitoloxía como protesta contra o Goberno pola destrución da señora Pankhurst, que é o personaxe máis fermoso da historia moderna».  

Pregúntome ata que punto percibiría Mary Richardson a beleza do lenzo de Velázquez, e canto máis o penso máis certo estou de que non a vía. Ela falou da beleza de Venus, pero nada dixo da beleza suprema da obra nin da xenialidade do pintor. Hai persoas como Stendhal, tan sensíbeis á beleza, que enferman dunha enchente en Florencia; e hai quen pasa por Florencia como pola Galicia do formigón, o ladrillo á vista e o refugallo nas eiras. E isto ten pouco que ver cos coñecementos e a cultura. Músicos excelentes son cegos para as artes plásticas e eminentes pintores e poetas son xordos para a música. Por iso coido que, agás os tolos, os Eróstratos de toda condición puideron facer as barbaridades que fixeron porque tiñan a sensibilidade estética dun lorcho.

Nas últimas semanas, mozos e mozas dun grupo ecoloxista xogan a seren Eróstratos botando sopa e tomate nos vidros de protección de obras de arte famosas. Non fan mal, pero non quedan ben. Eu propoñeríalles outras accións igualmente impactantes e menos conflitivas, como roubar na Tate Gallery de Londres a obra Merda de artista, unha lata de conserva que contén 30 gramos de excrementos do artista italiano Piero Manzoni, que o museo adquiriu en 1961; e a escultura que nin se ve nin se toca da colección privada do millonario americano que a mercou o pasado ano por 15.000 euros nunha poxa en Milán. Moitos aplaudiriámoslles coas orellas.