As apariencias

OPINIÓN

Pepe Zamora | EFE

04 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ninguén quere ser simple e ignorante, e moito menos amosárllelo aos demais, pero ser unha persoa cultivada pode devir nun traballo arreminado que obriga a estar sempre lendo de todo até acadar unha comprensión ampla do mundo. Por iso gustamos máis das aparencias e tiramos de manuais con palabras rebuscadas, libros con frases escollidas, citas alleas con certa ocorrencia e toda unha morea de estratexias para parecermos máis cultos cando nos expresamos en público. É unha teima case instintiva do ser humano e, dende que nos erguemos até que nos deitamos, andamos na procura de ser moito máis do que en realidade somos. A tentación de apoiarnos no pensamento luminoso doutras persoas relacionadas coa filosofía ou coa escrita ás veces é tan irresistible que nos fai asumir como propias as súas ideas e palabras. Mais deberíamos ter coidado porque, como alguén dixo cun exemplo un pouco vulgar, as citas son as muletas dun pensamento coxo. Así que non convén presumir e inserir no noso discurso a frase brillante dunha filósofa á que nunca lle lemos nada ou facemos referencia a un libro que endexamais tivemos entre as mans. Non sei se este foi o caso de Feijoo que, se cadra nun acto de espontaneidade, quixo saír do guión suxerido polos asesores e se enredou co título da novela 1984, facendo de George Orwell un escritor case contemporáneo. Con todo, non me parece esta unha cuestión relevante para un político que está todo o día exposto e é vítima da súas propias palabras. E dubido moito que esta metida de zoca poida influír na vontade das posibles persoas votantes que talvez prefiran a proximidade de quen se equivoca a quen se instala na súa torre de marfil e usa a súa sabedoría para nos lembrar a nosa propia ignorancia.