Mantemento e conservación

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Rosa Veiga | EUROPAPRESS

03 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A perda dun alumno atrapado nun muro de tabique é máis ca unha desgraza, trátase dunha traxedia. As declaracións que están facendo apuntan a que o mozo, ademais, intentou, nun acto instintivo, termar do muro para evitar que se mancase un compañeiro. Só podo mandar unha aperta á familia e seres queridos de Manuel, ánimo e forza.

Non tirarei aquí conclusións que non me corresponden, pero quixera poñer o foco nun asunto que, casualmente, comentei hai uns días con varios profesores da Escola de Camiños. As obras de conservación e mantemento son vitais. Non se ven, non son vistosas, xamais un profesional recibirá un premio por elas, posiblemente nin sequera un pequeno recoñecemento... Pero evitan que se produzan accidentes e desgrazas. Ben realizadas poden previr derrubamentos de viadutos, que colapsen os túneles ou que caian pequenos tabiques de ladrillo que, así de febles como parecen, son capaces de esmagar unha vida en plena mocidade.

Hai un pensamento que me remoe na cabeza estes días. É a sensación de pensar que as obras de conservación e mantemento non son valoradas non só por quedar ocultas e pasar desapercibidas, senón porque este feito, falando claro, non dá votos. Política e socialmente é moito máis rendible asfaltar un camiño (que quizais nin sequera precise de betume para cumprir a súa función, co caro que é o asfalto) que manter unha ponte, unha estrada, unha beirarrúa, un tubo de saneamento ou un muro.

Moito coidado coas decisións neglixentes, alcatranan conciencias.