O lecer do futuro

OPINIÓN

IFEMA MADRID | EUROPAPRESS

31 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando especulo co lecer no metaverso xa parezo un deses que tiñan fobia ás primeiras locomotoras. Con todo, a min gústanme os avances tecnolóxicos e máis se nos facilitan a vida. Lembro a miña avoa materna cando, despois de xantar, ficaba extasiada para o lavalouzas e o vía como o maior avance da humanidade. Non quero nin pensar o que diría hoxe se a vida lle alcanzase para ver traballar un robot aspirador que mesmo che frega o chan.

O que máis me impresionou estes días foi saber que no metaverso da India xa hai multicines dentro dese mundo virtual. Sen comprender moi ben o sistema, o certo é que a noticia me doeu tanto como cando chegaron esas plataformas que ridiculizaron as horas e horas que dediquei a gravar en dixital as películas que, previamente, xa tiña en cintas de vídeo, coas súas carautas en cor correspondentes, algo semellante ao que fixera o escritor Manuel Puig, grande amante do cine, que cría ter asegurada a súa xubilación con dous reprodutores de vídeo. Canto tempo perdido! A velocidade dixital é tan voraz que xa decidín non gardar nada para cando me xubile. A semana pasada enchín o coche de material con música e cine dabondo para o lecer de varias vidas e deixeino no punto limpo coma se me desfixese dun membro do corpo. Despois de todo, desprenderse de tantas horas e recordos clasificados é tamén unha aceptación do noso paso provisional pola vida. Do que non me desprendo aínda é dos libros, porque non coñezo ningunha persoa xubilada que ame a literatura e se queixe de aburrimento. Agora ben, se a tecnoloxía é quen de absorber esas novelas para mas ofrecer no mundo do metaverso onde eu poida interactuar cos propios personaxes dentro dunha illa paradisíaca, se cadra volva ao punto limpo. Mais teño as miñas dúbidas.