Gallardo e xentil

María Canosa
María Canosa PÍNGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Cézaro De Luca | EUROPAPRESS

28 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Asegura o dicionario que gallardo e xentil son o mesmo. Mais as ironías poden convertelos en termos opostos. García Gallardo, vicepresidente da Junta de Castilla y León, non foi nada xentil definindo ao partido da oposición como banda criminal. Logo, outros altos cargos das mesmas siglas ás que está afiliado reiteraron a acusación. Menos mal que hai un mes que o mesmo político pedía respecto, non se poden consentir ataques gratuítos (ao seu partido, claro). As malas formas, aseguraba, converten as Cortes en cortellos. No último, razón non lle falta. O desacerto está en non dar exemplo.

O que resulta criminal é que se poidan verter acusacións impunemente. Que calquera poida inculpar dun crime e quedar tan tranquilo... é preocupante. Ante as primeiras críticas, en lugar de pedir desculpas, a estratexia actual é reforzar a acusación con referencias históricas. Grande estratexia! Quen o fai quere apoderarse da historia, moldeala, axeitala aos propios intereses, consciente do descoñecemento xeral que hai da mesma. A ignorancia comeza a ser un problema.

Vivir mirando cara adiante, non está mal. Buscar un horizonte cara ao que camiñar é un bo obxectivo, pero é difícil saber cara a onde ir se descoñecemos de onde vimos. Precisamos xente creativa. Tanto como crítica. Para poder selo, necesitamos partir dunha base de coñecemento forte. Opinar é sinxelo, ter opinión formada... é outra cousa. Que non nos manipulen a historia, nin nos mintan, nin insulten.