Trens sen teléfono

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

GUSTAVO RIVAS

27 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai tempo os trens de Renfe eran lentos e os viaxeiros parolaban ou lían neles. Hoxe son rápidos (unha hora para atravesar o Impaís, tres para chegar a Madrid) e os viaxeiros falan pouco porque fedellan nos seus dispositivos electrónicos. O lapso da viaxe converteuse en tempo de traballo ou diversión con aparellos conectados —sen fíos— ás redes de distintas empresas de telecomunicación celular. E a viaxe sería perfecta se as conexións non fosen descontinuas.

Na autoestrada non hai esa descontinuidade. Mesmo por ela circulan autobuses con equipamento para ofrecer rede de área local (wifi) gratuíta aos pasaxeiros: preto dos carrís hai espazo dabondo para montar estacións de radio celular, e as operadoras delas poden instalar aparellaxe especial para cubrir túneles (se cadra pagando un alugueiro). Porén, os camiños de ferro van por lugares de difícil acceso, atrincheirados en parte e con moito monte furado. Ora, o ADIF ten infraestruturas para o uso dun sistema telemático propio —moi esixente, crítico—, mais seica non as partilla doadamente coas empresas de servizos móbiles xerais. E cumpriría que o fixese, aínda que só fose por se o Estado necesitase lanzar alarmas urxentes a toda a poboación, incluída a parte dela que estivese en túneles ferroviarios en momento de «emerxencia nacional».