Arbitrariedade política e democracia

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

25 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

En democracia, se non hai política só hai arbitrariedade. En ausencia de criterios políticos que permitan establecer normas que regulen a acción dos gobernos e a relación entre administracións e cidadanía, a práctica política vólvese arbitraria, parcial, abusiva e ate autoritaria.

A democracia en boa medida é unha cultura, algúns países téñena longa, asentada no tempo; non só os anglosaxóns, tamén a Suíza ou os países nórdicos. Entre os estados continentais europeos, todos coñeceron tentacións autoritarias —e gobernos— nos últimos dous séculos, posiblemente coa excepción dos Países Baixos. O pasado marca algunhas claves da actualidade, entender historicamente o presente axuda a entender que está a pasar.

Nestes días é posible que o que acontece no Reino Unido chame a atención de moitos, vendo como se cambian primeiros ministros sen convocar eleccións. Detrás e no fondo está unha vella e asentada cultura política que acredita a preeminencia do Parlamento e os partidos para tomar as decisións políticas. Aquí seguramente non se entendería mudar dúas veces de presidente de Goberno sen convocar eleccións, pero así funcionou o sistema político liberal español entre 1876 e 1936.

Amais de cultura política máis ou menos continuada, a democracia, que é unha planta fráxil, necesita política entendida como dirección estratéxica dos gobernos. Algo que parece fallar hoxe no Reino Unido e non só alí. Aquí, no continente, algunhas dereitas con pouca cultura democrática e moito márketing ocupan o poder con grande visión electoral e moi pouca dirección estratéxica. As novas extremas dereitas ocúpano con eslógans, en Italia ou en Castela. Un risco é que se vaian mesturando ambas.

Entre nós, nestes tempos, en ausencia de política só hai a ilusión das normas democráticas herdadas e a realidade das normas que obriga Europa a mudar, anovar ou establecer. Moitos a iso prefiren chamarlle xestión. O problema é que sen política a arbitrariedade aséntase nos gobernos, esténdese e multiplicase socialmente, democratízase e chega a todos os extremos da Administración. Non pode haber xestión sen política en democracia. A falla de criterios políticos que poidan converterse en normas, en cada ámbito da Administración cada quen pode tomar decisións relativamente arbitrarias polos seus intereses particulares —pro domo sua—, máis que a prol da súa función pública. Tal inseguridade favorece o capricho, ata o funcionamento das institucións e frustra a mellora social, económica ou de organización das que a democracia foi historicamente o principal vehículo.

As institucións reséntense cando domina a arbitrariedade particular. A democracia, como goberno do pobo polo pobo para o pobo, defórmase ate desfigurarse. Unha asentada cultura política democrática é o mellor antídoto, por iso en Polonia, Hungría, Italia e Castela goberna xa a extrema dereita. Veremos que vai pasar en Suecia, onde os conservadores e os liberais non lle permiten entrar no Goberno á extrema dereita que lles gañou nas eleccións.