Bricomamás

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

CARMELA QUEIJEIRO

22 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Samaín é só a primeira parada dunha carreira aloucada en que nos meteu a maternidade contemporánea: non só somos enfermeiras amantísimas, cociñeiras de variados manxares, asesoras de imaxe e críticas de libros, cine e artes escénicas. Ser nai hoxe, coa inestimábel expectativa depositada sobre nós por mestras de primaria que parecen sacadas da Bauhaus, implica un máster en enxeñaría de materiais. Fantasmas con botellas, morcegos de caixa de ovos, cabazas que xa non poden ser só cortadas e baleiradas! Todo iso non é máis ca un ensaio para as bólas de Nadal feitas con la, os Papá Noel de rolo de papel hixiénico, os disfraces de bolsas de plástico, os maios de paus de xeado e as empanadas para a festa de fin de curso! No camiño do feminismo das superwomen, esquecemos que as fillas non morren por aburrirse e menos por facer de forma imperfecta as súas propias manualidades, a educación non se resente por decorar menos as escolas e a nosa maternidade pode ser igual de auténtica que a das nosas nais e avoas, que, de certo, podían usar para elas o tempo que nós perdemos en ser deseñadoras do vestiario de funcións escolares que nin Broadway.

A bricomamía, a saber por que, adoita esquivar os papás, que aparecen pedindo perdón por existir nas reunións en que a que non saiba o que é a goma eva corre perigo de perder a custodia. É unha proba máis para obter o prezado carné de boa nai que reparte certo feminismo liberal que prefire ternos ocupadas nesas cousas antes que facendo tratados filosóficos, obras de arte de verdade, ou, simplemente, estando o suficientemente tranquilas como para entender que é unha parvada xulgarnos por unha dedicación á crianza que cada vez é máis difícil de cumprir sen atarnos de novo á pata da cama.